Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o alumnado de 1° FPB, 1° ESO, 4° ESO e a profesora Esther González Collazo puxeron en práctica a técnica de ōrigami para facer unhas estrelas modulares como homenaxe ás vítimas.
Cada estrela está composta por cinco puntas, cada unha das cales foi pregada varias veces ata conseguir a figura desexada. Unha vez feitas as puntas, uníronse por medio de pequenos petos e pestanas sen usar nin adhesivo nin pegamento. Nesta arte de orixe nipoa, o único material permitido é o papel.
Agora que se achega o Nadal, podedes probar a facelas usando papeis de diferentes cores. Premede na ligazón se queredes practicar!
Papiroflexia e matemáticas
A papiroflexia, que podemos considerar como unha arte, unha ciencia e un entretemento, ten unha grande importancia na aprendizaxe das matemáticas. A beleza da papiroflexia está na súa simple xeometría. En cada anaco de papel hai patróns xeométricos, combinacións de ángulos e rectas que permiten á folla chegar a ter variadas e interesantes formas.
Grazas á papiroflexia, pódense realizar, cun material tan accesible como o papel, figuras que serven para explicar conceptos matemáticos: desde pregos sinxelos para explicar proporcións e ángulos a outros máis complexos para entender superficies tridimensionais como o paraboloide hiperbólico. Anoando sinxelamente unha tira de papel conseguimos facer un pentágono e unindo varias pezas de papel pregadas de maneira idéntica podemos chegar a construír calquera dos cinco poliedros regulares.
Ningún comentario:
Publicar un comentario