23.11.12

SOBRE IGUALDADE


O diario violeta de Carlota (2011) publicado pola editorial Galaxia na colección Costa Oeste forma parte dunha triloxía escrita por Gemma Lienas. Carlota, unha rapaza adolescente, comeza a escribir un diario onde vai anotando todas as situacións discriminatorias contra a muller que percibe ao seu arredor a través das súas lentes violetas.



Fina Casalderrey desenvolve en  Ola, estúpido monstro peludo (2007) o tema da violencia contra a muller. A obra, publicada pola editorial Galaxia na colección Árbore, está destinada a lectores a partir de dez anos e  nela a protagonista, aínda no útero da nai, ve como o pai se converte nun monstro peludo que enche a casa de prohibicións e ameazas que aterran a  súa nai.

15.11.12

NOVELA POLICIAL


Continuamos coa Campaña Lecturas Temáticas e achegamos, nesta ocasión, unha selección de lecturas de temática policial.

"A novela policial é un xénero narrativo onde a trama consiste xeralmente na resolución dun misterio de tipo criminal. O protagonista na novela policial é normalmente un policía ou un detective, habitualmente recorrente ao longo de varias novelas do mesmo autor, que, mediante a observación, a análise e o razoamento dedutivo, consegue finalmente descubrir como, onde, por que se produciu o crime e quen o perpetrou.

Está xeralmente aceptado que, aínda que os seus antecedentes se remontan máis atrás no tempo, o xénero policial como tal naceu no século XIX da man de Edgar Allan Poe, ao crear ao detective Auguste Dupin no seu relato Os crimes da Rúa Morgue". http://www.bne.es