30.4.12

RUTAS LITERARIAS POLO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

O alumnado de 2º ESO participou, un curso máis,  nunha interesante proposta didáctica organizada polo Museo Provincial de Lugo, unha actividade que permite achegarse ao museo dun xeito lúdico e formativo.

Despois de ler e traballar a obra Contos do museo,  participamos nas Rutas literarias polo Museo de Lugo: a ruta da pantasma, da serpe, do paxaro e do trasno, catro rutas que se basean nos relatos que compoñen o libro.

No museo, distribuímonos en catro grupos, foinos asignada cadansúa ruta e entregáronnos un pequeno cuestionario. As respostas atopábanse ben no libro, ben nas diferentes salas do museo, por iso,  o grupo que mellor se organizou para  responder correctamente as preguntas recibiu un agasallo.

27.4.12

CONTADORES DE HISTORIAS II


Despois de ler a obra Contos do museo e como actividade previa á visita ao Museo de Lugo, os compañeiros e compañeiras de 2º ESO convertéronse en contadores dos relatos do libro.

Laura Pérez, Raquel Estévez, Paula Rodríguez, Noelia Blanco e Alfonso  Delgado relataron "Visita nocturna".





TÍRALLE DA LINGUA 2012



María Losada González, alumna de 4º ESO,  foi premiada no XII Concurso de relato oral Tíralle da Lingua, organizado pola AS-PG, no que participou cun monólogo titulado "Redes sociais". Parabéns.

II FEIRA DO LIBRO


Continuamos conmemorando a Semana do Libro con diferentes actividades. Hoxe, celebramos a II Feira do Libro co alumnado de 1º ESO. Durante a semana tiveron que buscar un libro para intercambiar cun compañeiro/a. Agora, toca gozar coa súa lectura.

23.4.12

MARCAPÁXINAS




Para conmemorar o Día do Libro, o EDLG, agasallou a toda a Comunidade Educativa cun marcapáxinas. Nel figura a dedicatoria que a escritora Rosa Aneiros deixou na súa visita ao centro en xaneiro do 2011:

"Para as lectoras e lectores do IES San Mamede, este bater de ás de bolboreta para mudar o mundo".

O BIBLIOTRÁILER

O alumnado de 4º ESO elaborou pequenas recomendacións literarias para conmemorar a Semana do Libro, con elas queren dar a coñecer os seus títulos preferidos e fomentar a lectura entre os compañeiros/as. Velaquí algúns exemplos:







22.4.12

CONCURSO JOÃO DE NÓVOA


Co gallo das Letras, o EDLG convoca o V Concurso literario e o II Concurso de Curtas João de Nóvoa. Podedes consultar as bases no taboleiro do Equipo e nas aulas. Animádevos a participar!!!


21.4.12

QUEN FOI JOÃO DE NÓVOA?


João de Nóvoa foi un mariño galego, de familia nobre, ao servizo da Coroa de Portugal que naceu en Maceda arredor do ano 1450 e morreu en 1509 na India.  Partidario de Isabel a Católica, pelexou contra Pedro Madruga na revolta Irmandiña e marchou a Portugal ao decatarse da acción centralizadora dos Reis Católicos contra a pequena nobreza. En Portugal, serviu á Coroa  e foi alcalde de Lisboa. Participou en diferentes viaxes nas que descubriu a illa da Ascensión e a illa Santa Elena, tamén bautizou a unha pequena illa do Índico situada ao sur das Seychelles como A Galega (a actual Agalega), pertencente a Mauricio.
Podedes atopar máis información no libro João da Nova. Un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal  de Santiago Prol.

ILLA AGALEGA

12.4.12

VISITA DIDÁCTICA A CELANOVA

 Achegámonos a Celanova, vila de gran tradición literaria, para facer un percorrido polas terras de M. Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou X.L. Méndez Ferrín; aproximarnos á vida e obra destes autores e recitar algúns dos seus poemas. Visitamos a Casa dos Poetas, o Mosteiro de San Salvador, a Biblioteca do IES de Celanova ou a vila de Vilanova dos Infantes. Nesta última, puidemos contemplar a Virxe do Cristal e visitar a torre medieval.

Damos as grazas ás distintas persoas que coas súas explicacións nos acompañaron nestas visitas.

7.4.12

MERENDAS SAUDABLES

No curso 2010/2011, co gallo da conmemoración do Día Mundial da Saúde, o alumnado de 2º ESO elaborou e realizou o deseño de Menús de almorzos saudables. Neste curso, quixemos continuar con este proxecto, desta vez, confeccionando e deseñando Menús de merendas saudables. Se no curso pasado realizamos a impresión e incorporamos os menús ás mochilas viaxeiras, neste, pola falta de orzamento, non foi posible. Aquí podedes ver unha selección dos vosos traballos.