24.6.24

OBRADOIRO "DESATA A LINGUA"

María Lado, poeta, actriz e xornalista, impartiu un obradoiro ao alumnado de 2º ESO no que reflexionou sobre a situación do galego na contorna familiar e social, puxo en común ideas para mellorar o uso da lingua e propuxo lemas e puntos reivindicativos para o manifesto colectivo do Correlingua 2025.

 



 

3.6.24

LETRAS GALEGAS 2024

Tomando como modelo o traballo realizado pola Real Academia Galega, Palabras de Luísa Villalta, o alumnado de 4º ESO seleccionou un poema da autora, unha palabra relevante na composición, buscou o significado e imitou o deseño orixinal. 



 

17.5.24

LETRAS GALEGAS 2024


 

A amizade ten flor que rebenta nas paredes,
sobrevive da podremia mutua
e só precisa das fiestras abertas
onde nace e se deita o sol de dentro.
Compartir as cordas de tender a roupa
vibrantes de emoción e de necesidade
por aquelas cousas que a auga da vida
non dá lavado, pola dor que as esfrega
deteriora, volve inúteis
e entón hai que poñelas a secar
ao ar das bocas abertas, xanelas asustadas.
Non é amor no sentido estrito da palabra
senón amor de luz, esa grande indiferencia
que produce estar ao alcance
porta con porta, vida con vida,
coas cordas frouxas, destensadas
máis e máis a medida que a auga do tempo
amolece o tecido irreversíbel
destes corpos nosos, o único que somos.
                                                Luísa Villalta. Papagaio (2006)

15.5.24

CORRELINGUA

 

 


 O alumnado de 1º ESO participou hoxe nunha xornada festiva con outros centros de ensino para reivindicar e fomentar a lingua galega. Alumnas e alumnos asistiron ao concerto de Mekánika Rolling Band, percorreron diversas rúas do centro de Ourense nunha andaina a prol da lingua e remataron desfrutando con divertidos xogos.

1.5.24

AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO

O IES San Mamede súmase á iniciativa de dinamización da lingua galega promovida polo IES Rafael Dieste da Coruña. 

O alumnado de 4º ESO visitou o concello, o centro de saúde, a biblioteca e os diferentes establecementos de Maceda onde colocou un cartel do instituto para fomentar o uso da lingua galega. Tamén fixo unha fotografía entregando o cartel.  


23.4.24

DÍA DO LIBRO

Conmemoramos este día fundíndonos coa cuberta dun libro. Estas orixinais fotografías son o resultado. 


 

21.4.24

CERTAME LITERARIO

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega convoca unha nova edición do concurso literario João de Nóvoa.


30.1.24

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

 Escolma de poemas arredor do tema da paz:









28.1.24

ARQUITECTURA TRADICIONAL


O especialista en hórreos, Arturo Fernández Araújo, visitou o centro esta semana e impartiu unha charla ao alumnado de 1º ESO. O divulgador, que tivo como profesor ao etnógrafo Xaquín Lorenzo "Xocas", achegou fotografías e maquetas destas construcións e explicou ás alumnas e alumnos algúns dos seus nomes: cabaceiros, hórreos, canastros ou cacipos. Tamén disertou sobre os distintos tipos, as súas partes, os elementos ornamentais, a localización, usos e clases de millo e procedencia.