14.5.09

UN RÍO DE PALABRAS

Quixemos conmemorar a semana do 17 de maio promocionando As Nosas Letras. Emulando o protagonista do relato “Un río de palabras” de Agustín Fernández Paz, o alumnado de 3º e 4º ESO elaborou un cartel semellante aos que atopamos polas rúas. Eses papeis con anuncios onde a xente se ofrece para traballar e en pequenas tiras adxunta o seu número de teléfono. O alumnado aproveitou ese espazo para recomendar unha obra literaria, seleccionou un fragmento e substituíu o número de teléfono polo título e autor.
Os carteis foron colocados en distintos espazos e anegaron o noso centro con ríos de palabras. Agora, como di o narrador do relato, "se a alguén lle interesa a historia que se agacha detrás desas poucas liñas, aí ten o fío polo que tirar dela ata o remate".


Ningún comentario:

Publicar un comentario