29.1.10

O MURO DOS DESEXOS

Para conmemorar o Día da Paz, inspirándonos nunha actividade realizada noutros centros, realizamos o noso particular Muro dos Desexos. Confeccionamos un lema cun desexo para contribuír á consecución da Tolerancia, Solidariedade, respecto aos Dereitos Humanos, Non Violencia ou Paz.

19.1.10

VISITA DIDÁCTICA AO XORNAL LA VOZ DE GALICIA

Como complemento ao estudo do xornal na aula, o alumnado de 1º ESO realizou unha visita ás instalacións de La Voz de Galicia no polígono de Sabón na Coruña. Realizaron un percorrido polas instalacións onde lles explicaron o proceso de realización dun xornal. A visita rematou no Museo da Prensa, alí puideron observar exemplares de xornais e máquinas de produción periodística doutras épocas. O grupo foi felicitado pola súa atención, participación e bo comportamento. No propio xornal publicouse unha crónica da visita á que se pode acceder premendo na fotografía.


Ao rematar a visita desprazámonos ata a praia de Sabón, alí comemos e demos un pequeno paseo á beira do mar.

22.12.09

NADAL LITERARIO


O alumnado de 1º ESO confeccionou tarxetas de Nadal que incluían unha felicitación e a recomendación dunha obra literaria. Os gañadores do concurso organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística recibiron un agasallo e un diploma.

CALENDARIO 2010

Como é tradición nos últimos anos, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística agasallou a toda a Comunidade Educativa cun calendario do ano novo. O deseño foi realizado pola alumna Melisa Santiago Nieto.

25.11.09

CONMEMORACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO



Varias foron as actividades que realizou o alumnado para conmemorar o Día Internacional da Non Violencia contra a Muller. Confeccionaron pastchworks e carteis con mensaxes positivas, elaboraron lazos solidarios e realizaron unha exposición fotográfica co título "NON á violencia machista".

30.10.09

CREANDO HISTORIAS

Hoxe recibimos a visita no noso centro de Anxo Fariña. O autor-ilustrador explicou como crear unha historia; realizou divertidas ilustracións e mantivo un interesante coloquio co alumnado de 1º ESO. Anteriormente recibiran como agasallo o libro Os Megatoxos e a espada Esmeralda pertencente á colección Os Megatoxos. O libro converteuse na lectura obrigatoria do 1º trimestre e espertou un grande interese no alumnado. Crearon, ademais, vistosos marcapáxinas inspirados na obra lida.
A actividade foi promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración con A Nosa Terra.




6.10.09

REPRESENTACIÓN TEATRAL COMEDIA BÍFIDA


O alumnado de 1º e 2º BAC. asistiu hoxe, no Auditorio de Ourense, á posta en escena de Comedia bífida, unha montaxe da compañía Nobicarelo Teatro baseada na obra homónima de Manuel Núñez Singala.

Na peza téntanse desmontar algúns dos prexuízos que se asocian ao uso do galego. É unha mágoa que a montaxe non fose quen de reflectir a verdadeira esencia da comedia de Singala e se desvirtuase o seu auténtico sentido recorrendo ao chiste fácil.

30.9.09

REPRESENTACIÓN TEATRAL A ESMORGA





Principiamos as actividades complementarias e extraescolares do curso 2009/2010 coa asistencia do alumnado de 4º ESO e 3º ESO C á representación teatral da obra A esmorga. Sarabela Teatro pon en escena a adaptación textual realizada por Begoña Muñoz e Carlos Couceiro. Celébranse 50 anos da publicación da novela e 30 da morte de Eduardo Blanco Amor.

19.6.09

REPRESENTACIÓN TEATRAL


O día 15 de xuño pola tarde todo o alumnado do centro asistiu, no salón “Rosalía de Castro”, á posta en escena da obra “O Lazarillo”, a cargo da compañía Caramuxo Teatro, da Coruña. Con esta representación clausuramos as actividades do ENDL durante este curso escolar 2008/2009. O ano que vén haberá moitas máis. Boas vacacións!

A CULTURA CIRCULA

O curso chega á súa fin e as mochilas viaxeiras regresan ao centro. A actividade, dirixida ao alumnado de 1º ESO e ás súas familias, púxose en marcha o curso pasado e tivo continuidade neste. A nosa proposta inclúe: prensa, cine, música, xogos informáticos educativos e literatura.