10.5.15

XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE




O Equipo de Dinamización da Biblioteca e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega propóñenvos afondar na figura do homenaxeado nas Letras. Como? Acudindo á biblioteca para consultar os carteis gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2015  e buscando a resposta ás preguntas que vos propoñemos neste formulario.

9.5.15

DÍA DE EUROPA


1º ESO A

Co obxectivo de conmemorar o Día de Europa, de contribuír á normalización da nosa lingua e de facer visibles os profesionais da tradución, o alumnado de 1º ESO A confeccionou un mapa de Europa cunha selección de autores e obras europeas traducidas ao galego.

5.5.15

MES DAS LETRAS


Comeza o mes das Letras!  Xosé Filgueira Valverde é este ano o autor homenaxeado. Aquí tedes algunhas páxinas onde podedes atopar información sobre a súa figura:

Museo de Pontevedra
Fundación Filgueira Valverde
Real Academia Galega
Xosé Filgueira Valverde. Exposición no Museo de Pontevedra (Vídeo).

28.4.15

QUE SE VEXA! O GALEGO


A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) proponnos o lema QUE SE VEXA! O GALEGO, "e así utilizalo para darlle protagonismo á nosa lingua e para destacar que os actos programados arredor das LETRAS se centran en visibilizar unha lingua viva e rica válida para todos os ámbitos e situacións".
Para ler a proposta completa premede no lema.
 

19.3.15

OLLOS DE AULA Nº 20




A Coordinadora Galega de Equipos de normalización e Dinamización Lingüística envíanos o número 20 da revista Ollos de aula e dinos que "no presente número a psicopedagoga Lines Salgado achéganos á mediación escolar; Pilar Sampedro, docente e membro da Asesoría de bibliotecas escolares da Consellería de Educación, analiza o papel que debe xogar a familia na iniciación á lectura;  a pregunta desta entrega se centra en "Como detectar un trastorno da conduta alimentaria?".  Gracia Santórum preséntanos interesantes propostas literarias, musicais e de ocio. A contracapa convídanos a reflexionar sobre a estigmatización do modelo da fala dos galegofalantes que, ás veces, cometemos os propios docentes co noso "bolígrafo vermello".

8.3.15

DÍA DA MULLER


 “Princesa (contra) Disney”
Cuspo os chícharos
agochados no colchón
como se fosen balas.
Arrinco o vestido de seda.
Íspome e pego un berro
que escacha as porcelanas.
O cabelo longo semella atadura.
(As tesoiras fanme menos escrava).
Fuxo da torre.
Da mazá envelenada
da obediencia.
Fendo os ferrollos.
Pelo curto,
lingua solta.
Respiro fondo,
corro descalza.
Comezo a alancar
cara a esa gándara
máis alá dos espellos.
(Vaime volvendo a voz
que perdín en palacio).
       Penúltimas tendencias. Carlos Negro

7.3.15

MANIFESTO CONTRA A VIOLENCIA

Avance e progreso na sociedade actual? Nós, dicimos non! Unha sociedade avanzada non permite nin tolera a agresión a unha persoa. Queremos dicir basta! Basta a unha sociedade hipócrita!  Definímonos como  sabios, hommo sapiens, pero sómolo realmente?

Diferenciámonos dos animais pola nosa capacidade de razoamento, pero unha persoa que maltrata a outra ata incluso causarlle a morte, merece ese cualificativo? Non! Abride os ollos,  nós querémosvolos abrir! Facervos comprender que a nosa sociedade non debería tolerar a agresión, a humillación, o acoso ou o asasinato de ningunha persoa.

Basta desta hipocrisía, erguede a cabeza e mirade o que está a pasar. Loitade para que cambie e despois poder dicir orgullosos/as que vivimos nunha sociedade avanzada e progresista que deixou atrás calquera tipo de machismo. Cando a violencia contra a muller desapareza, poderémonos considerar realmente sabios.

ANDREA CID LÓPEZ  (4º ESO A).

24.2.15

DÍA DE ROSALÍA



O 24 de febreiro conmemórase o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)  propón  á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor. 
Neste 2015 tamén propón celebralo baixo o lema "Eu son Rosalía" e convida os centros escolares, institucións, particulares… que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana e a  comunicalo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”.



9.2.15

LECTURAS CON AMOR





Manuel Portas. Amor en alpargatas. Ed. Xerais (2015)
Rosa Aneiros. Ámote Leo. Terminal de…chegadas? Ed. Xerais (2014)
Rosa Aneiros. Ámote Leo. Estación tránsito. Ed. Xerais (2014)
Rosa Aneiros. Ámote Leo. Destino Xalundes. Ed. Xerais (2013)
Jaureguizar. Amor de Serea. Ed. Xerais (2013)
X.H. Rivadulla Corcón. O noso amor será eterno. Ed. Galaxia (2011)
Xosé Antonio Neira Cruz. Un bico de amor e vida. Ed. Galaxia (2009)
Iolanda Zúñiga. Amor amén. Ed. Xerais (2008)
Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor. Ed. Xerais (2007)
Fran AlonsoCartas de amor. Ed. Xerais (2006)
Xabier P. Docampo. De cores e de amores. Ed. Galaxia (2005)
Bernardino Graña. Sen sombra e sen amor Ed. Galaxia (2004)
Bieito Iglesias. Amor e música lixeira.  Ed. Galaxia (2004)

4.2.15

OLLOS DE AULA Nº 19




A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística envíanos un novo número da revista Ollos de aula. Dinos que “nesta primeira entrega do ano, Carmen Díaz Simón, orientadora do IES Lucus Augusti, valora cando as familias e o alumnado deben acudir ao Departamento de Orientación. Pola súa banda, Mª Dolores González Piñeiro, orientadora do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, ofrece algunas estratexias para estimular a intelixencia emocional. Así mesmo, Lines Salgado achégase e formula interrogantes sobre os famosos centros plurilingües e as seccións bilingües, mentres que Gracia Santórum nos agasalla unha vez máis cunha boa presada de atractivos títulos literarios.

E non esquezamos, como nos di a contracapa, que, “cando se trata da lingua... a última palabra tamén a tes ti, o teu contorno, a túa familia”... todos nós!”.