28.4.15

QUE SE VEXA! O GALEGO


A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) proponnos o lema QUE SE VEXA! O GALEGO, "e así utilizalo para darlle protagonismo á nosa lingua e para destacar que os actos programados arredor das LETRAS se centran en visibilizar unha lingua viva e rica válida para todos os ámbitos e situacións".
Para ler a proposta completa premede no lema.
 

19.3.15

OLLOS DE AULA Nº 20




A Coordinadora Galega de Equipos de normalización e Dinamización Lingüística envíanos o número 20 da revista Ollos de aula e dinos que "no presente número a psicopedagoga Lines Salgado achéganos á mediación escolar; Pilar Sampedro, docente e membro da Asesoría de bibliotecas escolares da Consellería de Educación, analiza o papel que debe xogar a familia na iniciación á lectura;  a pregunta desta entrega se centra en "Como detectar un trastorno da conduta alimentaria?".  Gracia Santórum preséntanos interesantes propostas literarias, musicais e de ocio. A contracapa convídanos a reflexionar sobre a estigmatización do modelo da fala dos galegofalantes que, ás veces, cometemos os propios docentes co noso "bolígrafo vermello".

8.3.15

DÍA DA MULLER


 “Princesa (contra) Disney”
Cuspo os chícharos
agochados no colchón
como se fosen balas.
Arrinco o vestido de seda.
Íspome e pego un berro
que escacha as porcelanas.
O cabelo longo semella atadura.
(As tesoiras fanme menos escrava).
Fuxo da torre.
Da mazá envelenada
da obediencia.
Fendo os ferrollos.
Pelo curto,
lingua solta.
Respiro fondo,
corro descalza.
Comezo a alancar
cara a esa gándara
máis alá dos espellos.
(Vaime volvendo a voz
que perdín en palacio).
       Penúltimas tendencias. Carlos Negro

7.3.15

MANIFESTO CONTRA A VIOLENCIA

Avance e progreso na sociedade actual? Nós, dicimos non! Unha sociedade avanzada non permite nin tolera a agresión a unha persoa. Queremos dicir basta! Basta a unha sociedade hipócrita!  Definímonos como  sabios, hommo sapiens, pero sómolo realmente?

Diferenciámonos dos animais pola nosa capacidade de razoamento, pero unha persoa que maltrata a outra ata incluso causarlle a morte, merece ese cualificativo? Non! Abride os ollos,  nós querémosvolos abrir! Facervos comprender que a nosa sociedade non debería tolerar a agresión, a humillación, o acoso ou o asasinato de ningunha persoa.

Basta desta hipocrisía, erguede a cabeza e mirade o que está a pasar. Loitade para que cambie e despois poder dicir orgullosos/as que vivimos nunha sociedade avanzada e progresista que deixou atrás calquera tipo de machismo. Cando a violencia contra a muller desapareza, poderémonos considerar realmente sabios.

ANDREA CID LÓPEZ  (4º ESO A).

24.2.15

DÍA DE ROSALÍA



O 24 de febreiro conmemórase o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)  propón  á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor. 
Neste 2015 tamén propón celebralo baixo o lema "Eu son Rosalía" e convida os centros escolares, institucións, particulares… que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana e a  comunicalo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”.



9.2.15

LECTURAS CON AMOR





Manuel Portas. Amor en alpargatas. Ed. Xerais (2015)
Rosa Aneiros. Ámote Leo. Terminal de…chegadas? Ed. Xerais (2014)
Rosa Aneiros. Ámote Leo. Estación tránsito. Ed. Xerais (2014)
Rosa Aneiros. Ámote Leo. Destino Xalundes. Ed. Xerais (2013)
Jaureguizar. Amor de Serea. Ed. Xerais (2013)
X.H. Rivadulla Corcón. O noso amor será eterno. Ed. Galaxia (2011)
Xosé Antonio Neira Cruz. Un bico de amor e vida. Ed. Galaxia (2009)
Iolanda Zúñiga. Amor amén. Ed. Xerais (2008)
Agustín Fernández Paz. O único que queda é o amor. Ed. Xerais (2007)
Fran AlonsoCartas de amor. Ed. Xerais (2006)
Xabier P. Docampo. De cores e de amores. Ed. Galaxia (2005)
Bernardino Graña. Sen sombra e sen amor Ed. Galaxia (2004)
Bieito Iglesias. Amor e música lixeira.  Ed. Galaxia (2004)

4.2.15

OLLOS DE AULA Nº 19




A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística envíanos un novo número da revista Ollos de aula. Dinos que “nesta primeira entrega do ano, Carmen Díaz Simón, orientadora do IES Lucus Augusti, valora cando as familias e o alumnado deben acudir ao Departamento de Orientación. Pola súa banda, Mª Dolores González Piñeiro, orientadora do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, ofrece algunas estratexias para estimular a intelixencia emocional. Así mesmo, Lines Salgado achégase e formula interrogantes sobre os famosos centros plurilingües e as seccións bilingües, mentres que Gracia Santórum nos agasalla unha vez máis cunha boa presada de atractivos títulos literarios.

E non esquezamos, como nos di a contracapa, que, “cando se trata da lingua... a última palabra tamén a tes ti, o teu contorno, a túa familia”... todos nós!”.

30.1.15

DÍA DA PAZ




Aproveitamos a data para recomendarvos un interesantísimo cómic sobre a guerra de Chechenia publicado por Salamandra Graphic (2014). Cuadernos rusos de Igort parte do asasinato da xornalista e escritora rusa Anna Politkóvskaya no ano 2006 e analiza unha realidade que o autor coñece moi ben pola súa ascendencia rusa. Trátase dun relato duro, para lectores de BAC., do que podedes atopar máis información premendo nos enlaces.

Preme na portada do cómic e accede a un fragmento en formato PDF.

19.12.14

ENTREGA PREMIOS

Velaquí o alumnado galardoado no Concurso de Tarxetas de Nadal e Cómics 2014.





-DIEGO RODRÍGUEZ PEÑA, NOEMÍ GONZÁLEZ RODRÍGUEZ, ERIK DOS SANTOS FERNÁNDEZ, MARTA PERNAS DE DIOS (1º ESO).

-SANDRA FERNÁNDEZ SUÁREZ, GEMMA CID FERREIRO (2º ESO).

3.12.14

OLLOS DE AULA Nº 18

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística fainos chegar o derradeiro número do ano. Nesta entrega, "Belén Escariz Ferrín, mestra de Infantil no CEIP Quintela de Moaña, analiza o primeiro ano de escolarización dos pequenos/as, entanto que Mª Sonia Fernández Casal, profesora no IES Fontexería de Muros, reflexiona nun artigo sobre diversos aspectos da educación masculina que teñen unha grande influencia na reprodución do sexismo, e a psicopedagoga Lines Salgado dá a coñecer outra das numerosas siglas que empregamos no ensino, o RRI. Gracia Santórum achega coma sempre propostas de lectura e ocio que hai ter moi en conta".