16.5.13

AS NOSAS LETRAS

O alumnado de 1º ESO C quixo render a súa particular homenaxe a Roberto Vidal Bolaño posando cos símbolos deste polifacético home das artes escénicas, o sombreiro e o nariz de pallaso. Mais, a verdadeira celebración foi achegarnos á súa figura e gozar coa lectura da obra Touporroutou da Lúa e o Sol en 1º ESO e con As actas escuras e Saxo tenor en cursos superiores. 
Estade atentas/os porque a conmemoración das Letras continúa...



“Esquecéronse de que ata a uns actores de talento dubidoso  e de oficio incauto lles asiste, cando lles peta, o privilexio de facer o pallaso”.

Caprice des Dieux (1985)




7.5.13

ADAPTACIÓNS AO CÓMIC

Presentámosvos as adaptacións ao cómic que realizou o alumnado de 2º ESO inspirándose nos distintos relatos da obra Exogamia 0.3 de Ramón Caride Ogando. 

 

5.5.13

OLLOS DE AULA. Nº7

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística presenta o nº 7 da revista Ollos de aula, publicación destinada ás  familias do alumnado. O Día das Letras Galegas 2013 e a figura de Roberto Vidal Bolaño, a "flexibilización" ou tempo de escolarización dun alumno na escola, e a idade adecuada para a compra dun móbil, ademais das novas e as propostas para o tempo libre, centran esta entrega da revista.


2.5.13

CORRELINGUA


Hoxe, o alumnado de 1º ESO participou, xunto con outros centros da provincia, nunha nova edición do Correlingua, unha actividade que reivindica o uso da nosa lingua entre os máis novos. A participación activa do alumnado con recitados, confección de pancartas, difusión de mensaxes de promoción da lingua e actuacións musicais consolida esta iniciativa, ano tras ano,  como a festa da lingua entre a mocidade. 

1.5.13

CORRELINGUA



Como vén sendo tradición no noso centro, mañá participaremos no Correlingua, a carreira a prol da lingua,  que co lema "O Galego, a chave do mundo" principia en Ourense para despois percorrer diferentes vilas e cidades galegas. A festa comezará coa recepción dos participantes na Praza Maior ás 10:00, continuará coa andaina pola lingua ás 10:45 e rematará co programa de actividades que se desenvolverá no Auditorio Municipal a partir das 11:30. O acto será presentado por Pepe Penabade e iniciarase cun recital de poemas de Rosalía de Castro a cargo do alumnado de 6º do CPI José García García (Mende) e proseguirá coa actuación musical do IES Cidade de Antioquía, a lectura do Manifesto e a actuación de Monoulious. Tamén, haberá outras actividades como un concurso de pancartas e a animación da marcha.

28.4.13

CONCURSO JOÃO DE NÓVOA



O  EDLG convoca unha nova edición do Concurso João de Nóvoa destinado ao alumnado de 6º EP dos centros adscritos e ao alumnado do IES San Mamede. Consultade as bases premendo nos enlaces e animádevos a participar.

23.4.13

SEGUIMOS LENDO

O EDLG convídavos a festexar o Día do Libro poñendo á vosa disposición na Biblioteca unha escolma de lecturas nas que os/as protagonistas son personaxes históricos, literarios, mitolóxicos... de distintas épocas. 


22.4.13

A LECTURA NA ARTE



O 23 de abril, Día do Libro, queremos que gocedes cunha pequena recompilación de obras pictóricas:  Manet, Monet, Renoir, Van Gogh, Degas, Picasso, Magritte, Botero… Distintos períodos e estilos cun elemento común: o libro. 

4.4.13

OLLOS DE AULA. Nº 6

Chega o nº 6 de Ollos de aula, a revista que edita a CGENDL para as familias do alumnado. A importancia da lectura na formación do alumnado (Agustín Fernández Paz), os Programas de Cualificación Profesional Inicial (Lines Salgado), a comunicación entre pais e fillos (Alberto Casqueiro), as propostas de ocio de Gracia Santorum e a aprendizaxe de linguas no ensino son os contidos que centran esta entrega.