1.5.13

CORRELINGUA



Como vén sendo tradición no noso centro, mañá participaremos no Correlingua, a carreira a prol da lingua,  que co lema "O Galego, a chave do mundo" principia en Ourense para despois percorrer diferentes vilas e cidades galegas. A festa comezará coa recepción dos participantes na Praza Maior ás 10:00, continuará coa andaina pola lingua ás 10:45 e rematará co programa de actividades que se desenvolverá no Auditorio Municipal a partir das 11:30. O acto será presentado por Pepe Penabade e iniciarase cun recital de poemas de Rosalía de Castro a cargo do alumnado de 6º do CPI José García García (Mende) e proseguirá coa actuación musical do IES Cidade de Antioquía, a lectura do Manifesto e a actuación de Monoulious. Tamén, haberá outras actividades como un concurso de pancartas e a animación da marcha.

28.4.13

CONCURSO JOÃO DE NÓVOA



O  EDLG convoca unha nova edición do Concurso João de Nóvoa destinado ao alumnado de 6º EP dos centros adscritos e ao alumnado do IES San Mamede. Consultade as bases premendo nos enlaces e animádevos a participar.

23.4.13

SEGUIMOS LENDO

O EDLG convídavos a festexar o Día do Libro poñendo á vosa disposición na Biblioteca unha escolma de lecturas nas que os/as protagonistas son personaxes históricos, literarios, mitolóxicos... de distintas épocas. 


22.4.13

A LECTURA NA ARTE



O 23 de abril, Día do Libro, queremos que gocedes cunha pequena recompilación de obras pictóricas:  Manet, Monet, Renoir, Van Gogh, Degas, Picasso, Magritte, Botero… Distintos períodos e estilos cun elemento común: o libro. 

4.4.13

OLLOS DE AULA. Nº 6

Chega o nº 6 de Ollos de aula, a revista que edita a CGENDL para as familias do alumnado. A importancia da lectura na formación do alumnado (Agustín Fernández Paz), os Programas de Cualificación Profesional Inicial (Lines Salgado), a comunicación entre pais e fillos (Alberto Casqueiro), as propostas de ocio de Gracia Santorum e a aprendizaxe de linguas no ensino son os contidos que centran esta entrega.



15.3.13

POUSA VASOS

O Equipo de Dinamización da Lingua quere achegar a poesía galega aos establecementos hosteleiros da zona poñendo en marcha unha campaña de distribución de pousa vasos. 


10.3.13

8 DE MARZO

O alumnado de 1º ESO, inspirándose en  O diario violeta de Carlotaconfeccionou unhas lentes violetas para mellorar a visión da sociedade. Coma Carlota, a protagonista deste libro, invítannos a ver o mundo cunha ollada de cor violeta, unha ollada feminista que nos permita vivir nunha sociedade igualitaria, non discriminatoria e xusta.



"Para que nos axudedes a poñer moitas lentes violetas"


ENTREGA PREMIOS




O día 8 de marzo, Día Internacional da Muller, asistimos á entrega de premios do I Certame de Literatura Feminista. O certame celebrouse na Casa da Cultura de Xinzo de Limia e alí acudiron as compañeiras seleccionadas acompañadas das súas familias. Parabéns a todas elas.

8.3.13

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER



Hoxe, Día Internacional da Muller, asistiremos á entrega de premios do I Certame de Literatura Feminista organizado pola Asemblea de Mulleres de Galiza Nova da Comarca de Allariz-A Limia. O concurso pretende concienciar, coa colaboración dos institutos e dos Equipos de Normalización Lingüística,  da importancia do problema da vixencia do machismo na sociedade actual.

As alumnas seleccionadas polo centro na categoría de ESO (1º, 2º, 3º) foron Alba González González (poesía) e Andrea Cid López (relato)  e na categoría de 4º da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos: María Losada González (poesía) e Érika Novoa Conde (relato). 



4.3.13

OLLOS DE AULA. Nº 5

Chega o nº 5 da revista Ollos de aula con propostas tan interesantes como: "Cinco claves para entender o plurilingüismo", do catedrático José Manuel Vez; "Da lingua", sección que salienta a necesidade de avaliarmos a competencia lingüística en galego ou as propostas de lectura, música e excursións de Gracia Santórum.