13.2.13

NAMORAR DA LECTURA

 Amei-te tanto esta tarde,
cando ti non estabas,
e estaba o ceu como un atlas de ausencia
esvarando nas horas!
Sétima soidade. Pilar Pallarés

......................................................................................

Continuamos a nosa andaina pola literatura en galego e, desta vez, queremos achegarvos unha exposición de obras de temática amorosa. Historias que  vos permitirán vivir amores apaixonantes, amores platónicos, amores imposibles, amores correspondidos...


12.2.13

OLLOS DE AULA. Nº4

O CGENDL  presenta o  nº 4 de  Ollos de aula, a revista que edita  para as familias do alumnado. A introdución das linguas estranxeiras a idades temperás, as sentenzas sobre o Decreto para o Plurilingüismo ou o dilema "aprender ou aprobar" son algúns dos contidos desta entrega.


7.2.13

DE FELOS E OUTRAS MÁSCARAS

Di Santiago Prol que a indumentaria do felo, figura do entroido de Maceda, se relaciona coa dos peliqueiros de Laza e os cigarróns de Verín, aínda que presenta elementos externos diferentes. Vexamos como é o traxe:


O felo leva camisa branca, gravata, chaqueta curta con galóns dourados, varias filas de borlas de diferentes cores, medias negras e calcetíns de la brancos, colcha arredor do van para protexer dos golpes das chocas. Completan a súa vestimenta colares e caiada. A máscara está tallada en madeira cocida, cun sorriso, rematada nun mitra de lata pintada na que aparecen debuxados aves rapaces e animais propios da fauna da Serra de San Mamede.
Santiago Prol

Os peliqueiros levan  camisa branca, unha gravata vermella, unha chaqueta curta de seda con xarreteiras e chea de galóns dourados e prateados, e un pantalón curto- ata os xeonllos- con dúas tiras de encaixe. Na cintura leva unha faixa de cuarta e media de ancho e un cinto no que van penduradas as chocas ou chocallos, que teñen un son moi característico. A careta, coloreada, leva cosida pola parte de atrás unha pel de raposo, año, can ou galo. No pescozo átase un pano de seda. As pernas cóbrense con medias brancas, cinguidas con rechamantes ligas, e os zapatos son negros e aguzados. O peliqueiro leva unha especie de látego co que malla a todos os que atopa no camiño. Na parte posterior da cabeza leva o pelello que dá nome ao peliqueiro.
Ánxela Gracián

Os cigarróns levan camisa branca con gravata vermella (na actualidade de cores variadas) e por riba unha chaquetiña curta de seda con galóns e alamares dourados. Cubrindo os ombreiros, xarreteiras de militar con  dourados flocos e pano de cores sobre eles, prendido con broches femininos. A chaquetiña non cerra no peito, senón que se asegura cuns barazos atados con lazada. Na cintura, faixa de varias voltas e por riba dela cinto de coiro do que penduran por atrás, preferiblemente seis grandes chocas. Cubrindo as pernas levan calzón curto con trenzados de la branca e de cor, flocos e borlas, nas que predominan as cores vermellas e verdes. O resto das pernas cóbrese con medias brancas que se suxeitan con ligas.

Nos pés, calzado de zapato negro e corrente. Na man levan unha zamarra ou látego do que pende, unha badana de pel. A careta é de pau traballada en madeira e pintada de xeito que nela resalten as cellas, as coloradas meixelas, amplo bigote, cínico sorriso mostrando a dentadura e barba falsa. Vai prendida á carauta nunha sorte de mitra de lata pintada con motivos diversos, predominando os vexetais e os animais, sendo moi frecuente, quizás tradicional a representación do sol e mais a lúa. Na actualidade os característicos ornatos vexetais e os astrais, teñen sido relegados polos de tipo zodárico.


Blogue Cidades Dixitais. Casa da Xuventude. Verín




27.1.13

DÍA ESCOLAR DA PAZ E DA NON VIOLENCIA


Continuando coa campaña de lecturas temáticas iniciada no primeiro trimestre para promocionar e dinamizar a lectura na nosa lingua, o EDLG vén de realizar unha exposición de libros que promoven a paz e a non violencia. Novamente, a biblioteca cedeunos o espazo e o alumnado de 1º ESO axudounos a  decoralo. Achegádevos á biblioteca e gozade con algunha destas lecturas.


13.1.13

CONTINÚA A CELEBRACIÓN: O EDLG CUMPRE 10 ANOS

Di o dicionario da Real Academia Galega que memoria é a facultade que permite reter na mente e facer presentes, mentalmente, cousas pasadas. Evocar o noso pasado recente espertou en nós a parte máis emotiva; non imaxinabamos o gratificante e intenso que ía supoñer revivir unha etapa de esforzo, de tempo investido, de persoas involucradas, de satisfaccións, de superacións… Desexamos compartir con vós ese pasado e amosarvos todo o material impreso que fomos elaborando e entregando á Comunidade Educativa ao longo destes anos. Queremos confirmar o compromiso adquirido hai xa dez anos e reforzar a vontade de continuar transitando por sendeiros que nos sigan ilusionando.



21.12.12

PREMIOS NADAL GASTRONÓMICO



Alumnas gañadoras no concurso de Tarxetas de Nadal:
  • Helena Losada González. 1º ESO A
  • Iria Carrera Doval. 1º ESO B
  • Carmen Rivas Vázquez. 1º ESO C

20.12.12

NADAL GASTRONÓMICO


Coma os últimos anos, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega convocou o concurso de Tarxetas de Nadal que, nesta ocasión, xira  arredor de pratos e sobremesas típicos desta época. O alumnado de 1º ESO confeccionou postais que incluían unha receita e unha ilustración do prato.  Os gañadores do concurso  recibirán un agasallo e un diploma na entrega de premios que se celebrará mañá. 

O EDLG DESÉXAVOS BOAS FESTAS!

12.12.12

RecitandoCelsoemiliO


Hoxemércores día 12 de decembro de 2012, ás 12.00 horas, participamos  no  recitado  do poema  “Deitado fronte ao mar” de Celso Emilio Ferreiro nunha homenaxe pública e colectiva, xunto con milleiros de rapaces/as de toda Galicia, ao poeta celanovés, símbolo do compromiso coa cultura e a lingua galega.  Velaquí algunhas imaxes:


                                     



    O IES SAN MAMEDE reivindica a través das redes sociais o uso da lingua. #recitandocelsoemilio eu fáloa porque si, porque me gosta, porque me peta e quero e dame  a gaña, porque me sae de dentro...


9.12.12

RecitandoCelsoemiliO!



O noso centro súmase, o mércores 12 ás 12:00h, ao recitado público e colectivo do poema "Deitado fronte ao mar" de Celso Emilio Ferreiro. Trátase dunha iniciativa da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística no centenario do nacemento do autor de Celanova. En palabras do CGENDL:  "Desexamos renderlle homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que simbolice toda a forza e enerxía que transmite a súa palabra, símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de Galicia". 

5.12.12

OLLOS DE AULA. Nº3





CGENDL acaba de editar o número 3 da revista  Ollos de aula, unha revista destinada ás familias do alumnado. Neste mes de decembro, trata contidos tan interesantes como: o reforzo educativo, os xoguetes do Nadal ou o Informe do Consello Europeo sobre a política lingüística da Xunta. 
No noso centro xa ocupa un lugar destacado:


  
Biblioteca

Sala de espera familias
Sala de profesoras/es