12.12.12

RecitandoCelsoemiliO


Hoxemércores día 12 de decembro de 2012, ás 12.00 horas, participamos  no  recitado  do poema  “Deitado fronte ao mar” de Celso Emilio Ferreiro nunha homenaxe pública e colectiva, xunto con milleiros de rapaces/as de toda Galicia, ao poeta celanovés, símbolo do compromiso coa cultura e a lingua galega.  Velaquí algunhas imaxes:


                                     



    O IES SAN MAMEDE reivindica a través das redes sociais o uso da lingua. #recitandocelsoemilio eu fáloa porque si, porque me gosta, porque me peta e quero e dame  a gaña, porque me sae de dentro...


9.12.12

RecitandoCelsoemiliO!



O noso centro súmase, o mércores 12 ás 12:00h, ao recitado público e colectivo do poema "Deitado fronte ao mar" de Celso Emilio Ferreiro. Trátase dunha iniciativa da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística no centenario do nacemento do autor de Celanova. En palabras do CGENDL:  "Desexamos renderlle homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que simbolice toda a forza e enerxía que transmite a súa palabra, símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de Galicia". 

5.12.12

OLLOS DE AULA. Nº3





CGENDL acaba de editar o número 3 da revista  Ollos de aula, unha revista destinada ás familias do alumnado. Neste mes de decembro, trata contidos tan interesantes como: o reforzo educativo, os xoguetes do Nadal ou o Informe do Consello Europeo sobre a política lingüística da Xunta. 
No noso centro xa ocupa un lugar destacado:


  
Biblioteca

Sala de espera familias
Sala de profesoras/es

23.11.12

SOBRE IGUALDADE


O diario violeta de Carlota (2011) publicado pola editorial Galaxia na colección Costa Oeste forma parte dunha triloxía escrita por Gemma Lienas. Carlota, unha rapaza adolescente, comeza a escribir un diario onde vai anotando todas as situacións discriminatorias contra a muller que percibe ao seu arredor a través das súas lentes violetas.



Fina Casalderrey desenvolve en  Ola, estúpido monstro peludo (2007) o tema da violencia contra a muller. A obra, publicada pola editorial Galaxia na colección Árbore, está destinada a lectores a partir de dez anos e  nela a protagonista, aínda no útero da nai, ve como o pai se converte nun monstro peludo que enche a casa de prohibicións e ameazas que aterran a  súa nai.

15.11.12

NOVELA POLICIAL


Continuamos coa Campaña Lecturas Temáticas e achegamos, nesta ocasión, unha selección de lecturas de temática policial.

"A novela policial é un xénero narrativo onde a trama consiste xeralmente na resolución dun misterio de tipo criminal. O protagonista na novela policial é normalmente un policía ou un detective, habitualmente recorrente ao longo de varias novelas do mesmo autor, que, mediante a observación, a análise e o razoamento dedutivo, consegue finalmente descubrir como, onde, por que se produciu o crime e quen o perpetrou.

Está xeralmente aceptado que, aínda que os seus antecedentes se remontan máis atrás no tempo, o xénero policial como tal naceu no século XIX da man de Edgar Allan Poe, ao crear ao detective Auguste Dupin no seu relato Os crimes da Rúa Morgue". http://www.bne.es  

30.10.12

OUTONO, TEMPO DE COGOMELOS


Se neste tempo decidides dar un paseo por calquera recuncho da nosa paisaxe  atoparédesvos cun auténtico espectáculo. Nós saímos ao campo coa intención de observar e fotografar os cogomelos. Non pretendemos clasificalos nin polo seu valor culinario nin pola súa toxicidade, simplemente, quixemos gozar ao comprobar como, día a día, ían variando a súa forma e cor. Se queredes colaborar ampliando o noso álbum fotográfico  podedes achegarnos as vosas imaxes. 


23.10.12

DE TERROR, DE MEDO, DE INTRIGA, DE MAXIA...



Aproxímase a festividade do Samaín e o EDLG en colaboración co Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar organizou  unha exposición de libros cuxa temática xira arredor do medo, o terror, a maxia, o misterio, a fantasía…   A Biblioteca do centro emprestounos o espazo e os recursos e o alumnado de 1º ESO colaborou cos seus deseños na recreación do ambiente. Achegádevos á biblioteca e atrevédevos a pasalo de medo coa lectura dalgún dos títulos que propoñemos.

4.10.12

OLLOS DE AULA. Nº 1






Nace Ollos de aula, unha revista educativa da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.  Esta publicación "ten como obxectivos achegarlles ás familias información variada ao redor da educación e convidalas a reflexionar sobre aqueles temas que lles preocupan como nais e pais". 
Nós, xa lle demos un espazo no noso blogue; para acceder a ela só tedes que premer na portada que aparece na barra lateral.

23.9.12

O EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA CUMPRE 10 ANOS


Xa son dez anos de vida! Achegámonos  timidamente á adolescencia e non precisamente nas mellores circunstancias, pero  aquí seguimos, inamovibles, orgullosas e orgullosos da nosa lingua.  Este vai ser un curso de celebracións, e imos festexalo como mellor sabemos, con traballo e unha chea de actividades. Desexamos, a pesar de atoparnos nun escenario adverso,  conservar as mesmas ilusións dos comezos; mirar cara a atrás e lembrar ese fío en que se converteu o Equipo, e que, coa axuda duns e doutros, foi tecendo unha arañeira de colaboradores/as. Pretendemos continuar medrando, queremos alimentarnos coas vosas achegas. Como único agasallo, precisamos a vosa compañía. Así pois, estades convidadas/os ao noso aniversario.