7.4.12

MERENDAS SAUDABLES

No curso 2010/2011, co gallo da conmemoración do Día Mundial da Saúde, o alumnado de 2º ESO elaborou e realizou o deseño de Menús de almorzos saudables. Neste curso, quixemos continuar con este proxecto, desta vez, confeccionando e deseñando Menús de merendas saudables. Se no curso pasado realizamos a impresión e incorporamos os menús ás mochilas viaxeiras, neste, pola falta de orzamento, non foi posible. Aquí podedes ver unha selección dos vosos traballos.
  



22.3.12

FRAN ALONSO VISITA O NOSO CENTRO


Hoxe, Fran Alonso visitou o noso centro. O escritor falou das obras Cartas de amor e Cemiterio de elefantes co alumnado de 3º e 4º ESO e recitou poemas  de Cidades e Poetízate ao alumnado de 2º ESO e 2º BAC. Ao finalizar, asinou amablemente exemplares dos seus libros.




Como tarefa previa á visita, o alumnado de 2º ESO compuxo poemas inspirados na obra Cidades do autor baixo o título de Aldeas e vilas

A MIÑA VILA

Na miña vila
extensa,
alongada,
con camiños que soben e baixan
e baixan e soben a outros camiños,
os coches son traballadores,
activos e revoltosos,
e deixan tras de si un ronsel de fume.
Os coches son coma cans soltos,
coma leóns famentos e enérxicos,
e observalos
prodúceme unha alegría animal
que non podo conter.

Laura Pérez Cid



15.3.12

A BOLSA DAS PALABRAS

Co gallo do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor e porque queremos consumir na nosa lingua,  o EDLG puxo en marcha unha campaña para potenciar o uso normalizado da lingua mediante a distribución de bolsas de papel entre o alumnado cuxas familias teñen negocios no comercio local.






8.3.12

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER




Campaña da Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia.

1.3.12

ROTEIRO LITERARIO OTERO PEDRAYO

Despois do estudo de Otero Pedrayo na aula, este xoves, o alumnado de 1º e 2º BAC. realizou unha visita ao castro de San Cibrán de Las, ao mosteiro de Oseira e ao Pazo de Trasalba. Nestes lugares, vencellados á   traxectoria vital e literaria do autor,  leron algúns fragmentos da súa obra  e  unha selección de textos poéticos de diferentes autores.

24.2.12

FLORES A ROSALÍA


Para conmemorar o 175º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o EDLG en colaboración co Equipo de Dinamización da Biblioteca fixo entrega dun poema da autora e unha flor confeccionada coa técnica da papiroflexia. Ademais, o alumnado acudiu á biblioteca do centro a recitar poemas da escritora.

NORMAS USO BIBLIOTECA ESCOLAR

O EDLG deseñou e editou en colaboración co Equipo de Dinamización da Biblioteca un tríptico sobre as normas de uso da nosa Biblioteca Escolar.



14.2.12

MENSAXES DE AMOR


Na semana do 14 de febreiro, o  alumnado de 3º ESO participou na actividade "Hai unha mensaxe para ti" confeccionando mensaxes de amor.

13.2.12

A CULTURA VIAXA

Iniciamos esta actividade, en colaboración co Equipo de Dinamización da Biblioteca, coa entrega de dez mochilas viaxeiras no 1º ciclo de ESO. As mochilas teñen como obxectivo o fomento da lectura entre o alumnado e as súas familias.

8.2.12

VISITA AO XORNAL FARO DE VIGO

O alumnado de 1º ESO visitou o xornal Faro de Vigo e realizou un percorrido polas instalacións. Nunha visita guiada foi coñecendo cal é o proceso á hora de confeccionar un xornal, como se organizan as noticias e os xornalistas que as escriben; cales son as páxinas máis importantes ou, por exemplo,  cal é a historia do xornal. Para rematar, foron obsequiados cun agasallo. O 21 de febreiro será publicada no xornal unha fotografía da visita.