7.2.13

DE FELOS E OUTRAS MÁSCARAS

Di Santiago Prol que a indumentaria do felo, figura do entroido de Maceda, se relaciona coa dos peliqueiros de Laza e os cigarróns de Verín, aínda que presenta elementos externos diferentes. Vexamos como é o traxe:


O felo leva camisa branca, gravata, chaqueta curta con galóns dourados, varias filas de borlas de diferentes cores, medias negras e calcetíns de la brancos, colcha arredor do van para protexer dos golpes das chocas. Completan a súa vestimenta colares e caiada. A máscara está tallada en madeira cocida, cun sorriso, rematada nun mitra de lata pintada na que aparecen debuxados aves rapaces e animais propios da fauna da Serra de San Mamede.
Santiago Prol

Os peliqueiros levan  camisa branca, unha gravata vermella, unha chaqueta curta de seda con xarreteiras e chea de galóns dourados e prateados, e un pantalón curto- ata os xeonllos- con dúas tiras de encaixe. Na cintura leva unha faixa de cuarta e media de ancho e un cinto no que van penduradas as chocas ou chocallos, que teñen un son moi característico. A careta, coloreada, leva cosida pola parte de atrás unha pel de raposo, año, can ou galo. No pescozo átase un pano de seda. As pernas cóbrense con medias brancas, cinguidas con rechamantes ligas, e os zapatos son negros e aguzados. O peliqueiro leva unha especie de látego co que malla a todos os que atopa no camiño. Na parte posterior da cabeza leva o pelello que dá nome ao peliqueiro.
Ánxela Gracián

Os cigarróns levan camisa branca con gravata vermella (na actualidade de cores variadas) e por riba unha chaquetiña curta de seda con galóns e alamares dourados. Cubrindo os ombreiros, xarreteiras de militar con  dourados flocos e pano de cores sobre eles, prendido con broches femininos. A chaquetiña non cerra no peito, senón que se asegura cuns barazos atados con lazada. Na cintura, faixa de varias voltas e por riba dela cinto de coiro do que penduran por atrás, preferiblemente seis grandes chocas. Cubrindo as pernas levan calzón curto con trenzados de la branca e de cor, flocos e borlas, nas que predominan as cores vermellas e verdes. O resto das pernas cóbrese con medias brancas que se suxeitan con ligas.

Nos pés, calzado de zapato negro e corrente. Na man levan unha zamarra ou látego do que pende, unha badana de pel. A careta é de pau traballada en madeira e pintada de xeito que nela resalten as cellas, as coloradas meixelas, amplo bigote, cínico sorriso mostrando a dentadura e barba falsa. Vai prendida á carauta nunha sorte de mitra de lata pintada con motivos diversos, predominando os vexetais e os animais, sendo moi frecuente, quizás tradicional a representación do sol e mais a lúa. Na actualidade os característicos ornatos vexetais e os astrais, teñen sido relegados polos de tipo zodárico.


Blogue Cidades Dixitais. Casa da Xuventude. Verín




Ningún comentario:

Publicar un comentario