30.10.09

CREANDO HISTORIAS

Hoxe recibimos a visita no noso centro de Anxo Fariña. O autor-ilustrador explicou como crear unha historia; realizou divertidas ilustracións e mantivo un interesante coloquio co alumnado de 1º ESO. Anteriormente recibiran como agasallo o libro Os Megatoxos e a espada Esmeralda pertencente á colección Os Megatoxos. O libro converteuse na lectura obrigatoria do 1º trimestre e espertou un grande interese no alumnado. Crearon, ademais, vistosos marcapáxinas inspirados na obra lida.
A actividade foi promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración con A Nosa Terra.




6.10.09

REPRESENTACIÓN TEATRAL COMEDIA BÍFIDA


O alumnado de 1º e 2º BAC. asistiu hoxe, no Auditorio de Ourense, á posta en escena de Comedia bífida, unha montaxe da compañía Nobicarelo Teatro baseada na obra homónima de Manuel Núñez Singala.

Na peza téntanse desmontar algúns dos prexuízos que se asocian ao uso do galego. É unha mágoa que a montaxe non fose quen de reflectir a verdadeira esencia da comedia de Singala e se desvirtuase o seu auténtico sentido recorrendo ao chiste fácil.