19.3.15

OLLOS DE AULA Nº 20




A Coordinadora Galega de Equipos de normalización e Dinamización Lingüística envíanos o número 20 da revista Ollos de aula e dinos que "no presente número a psicopedagoga Lines Salgado achéganos á mediación escolar; Pilar Sampedro, docente e membro da Asesoría de bibliotecas escolares da Consellería de Educación, analiza o papel que debe xogar a familia na iniciación á lectura;  a pregunta desta entrega se centra en "Como detectar un trastorno da conduta alimentaria?".  Gracia Santórum preséntanos interesantes propostas literarias, musicais e de ocio. A contracapa convídanos a reflexionar sobre a estigmatización do modelo da fala dos galegofalantes que, ás veces, cometemos os propios docentes co noso "bolígrafo vermello".

8.3.15

DÍA DA MULLER


 “Princesa (contra) Disney”
Cuspo os chícharos
agochados no colchón
como se fosen balas.
Arrinco o vestido de seda.
Íspome e pego un berro
que escacha as porcelanas.
O cabelo longo semella atadura.
(As tesoiras fanme menos escrava).
Fuxo da torre.
Da mazá envelenada
da obediencia.
Fendo os ferrollos.
Pelo curto,
lingua solta.
Respiro fondo,
corro descalza.
Comezo a alancar
cara a esa gándara
máis alá dos espellos.
(Vaime volvendo a voz
que perdín en palacio).
       Penúltimas tendencias. Carlos Negro

7.3.15

MANIFESTO CONTRA A VIOLENCIA

Avance e progreso na sociedade actual? Nós, dicimos non! Unha sociedade avanzada non permite nin tolera a agresión a unha persoa. Queremos dicir basta! Basta a unha sociedade hipócrita!  Definímonos como  sabios, hommo sapiens, pero sómolo realmente?

Diferenciámonos dos animais pola nosa capacidade de razoamento, pero unha persoa que maltrata a outra ata incluso causarlle a morte, merece ese cualificativo? Non! Abride os ollos,  nós querémosvolos abrir! Facervos comprender que a nosa sociedade non debería tolerar a agresión, a humillación, o acoso ou o asasinato de ningunha persoa.

Basta desta hipocrisía, erguede a cabeza e mirade o que está a pasar. Loitade para que cambie e despois poder dicir orgullosos/as que vivimos nunha sociedade avanzada e progresista que deixou atrás calquera tipo de machismo. Cando a violencia contra a muller desapareza, poderémonos considerar realmente sabios.

ANDREA CID LÓPEZ  (4º ESO A).