20.12.13

SE CHOVE, QUE CHOVA!

Esta semana, as alumnas e alumnos do centro estiveron a ensaiar as actuacións do festival de Nadal. O alumnado de 2º ESO C realizou unha versión moi persoal dun coñecido anuncio publicitario. Aquí podedes ver un dos ensaios.



CONCURSO POSTAIS DE NADAL

Alumnado premiado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega no Concurso Tarxetas de Nadal:

1º ESO A: Antía Martínez Fernández, Elisa Torres González.
1º ESO B: María García Mojón, Jorge Seara Torres.





 

                 

19.12.13

NADAL LITERARIO

No mes de decembro chegan as tradicionais tarxetas de Nadal do alumnado de 1º ESO. Desta vez, obséquiannos cunha felicitación literaria. Como xa é tradición, as mellores serán premiadas cun agasallo e un diploma.  Mañá daremos a coñecer as postais gañadoras. Sorte!!!


18.12.13

AGASALLO DE NADAL

Chega o Nadal e o EDLG agasalla a toda a Comunidade Educativa cun calendario de peto deseñado pola alumna Andrea Da Silva Nieto.



Se queres podes visitar agasallo.eu, unha plataforma na rede na que atoparás ideas para agasallar en galego.

15.12.13

OLLOS DE AULA Nº11

Este novo número de Ollos de aula proporciona información sobre a nova lei de educación e as súas consecuencias para o ensino do galego. Lines Salgado, na  sección Palabras do ensino, achéganos ao Departamento de Orientación, quen o integra e cales son as súas funcións. En Cadencias, Gracia Santórum proponnos interesantes recomendacións literarias e musicais.  E aínda máis... 


"

25.11.13

25 NOVEMBRO

A igualdade, o respecto e a paz son cousa de todos. O alumnado de 2º ESO di NON á violencia contra a muller.



3.11.13

OLLOS DE AULA Nº10


Co mes de novembro chega un novo número da revista Ollos de aula que, nesta ocasión,  "aborda a temática do acoso escolar, a coeducación no seo das familias e o Proxecto Interdisciplinar. Tamén as recomendacións de ocio cultural da sección "Cadencias", os anuncios móbiles e unha reflexión sobre o sentido normalizador das actividades culturais nos centros escolares". 


31.10.13

SAMAÍN

Para conmemorar esta data, o alumnado de 2º ESO seleccionou un fragmento dun libro de medo e realizou a súa ilustración. Fixádevos no resultado. 



      

6.10.13

OLLOS DE AULA Nº9

Comeza o curso e retomamos a actualización do blogue cun novo número de Ollos de aula,  a revista para as familias do alumnado da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Neste número, segundo explica a CGENDL, "as actividades extraescolares, as siglas AL e PT no labirinto terminolóxico case infinito da educación, a aposta pola visibilización da diversidade na escola e as propostas culturais máis actuais enchen a publicación". 




25.6.13

A FALA...



A fala é comunión e sentimento
historia compartida intimamente,
sufrimento de todos,
amor de cada un
e tamén amor de todo o pobo, 
laio e canción,
nai que nos abrangue i arrola,            
estrela milagreira que nos guía
e fai que os nosos corazóns
latexen xuntos.
A fala é a voz da terra
e mais do mar, 
o vencello que nos xungue
no tempo cos que foron
e mais cos que han de ser.
Desconfía, ¡ouh pobo meu!,
estén alerta contra aqueles
que deixan a túa fala
e din que te aman.
Quen non está contigo
é teu inimigo, aínda 
que os seus beizos 
che mintan un amor
que nunca alumou o seu corazón.


Versos pra un país de minifundios (1969). Manuel María



Con estes versos de Manuel María sobre o valor da lingua despedímonos ata setembro. Bo verán!

18.6.13

VACACIÓNS LECTORAS

Achégase o verán e o EDLG edita unha guía lectora de cómic e álbum ilustrado con recomendacións para o tempo de lecer.  Queremos invitar a toda a Comunidade Educativa a acudir á biblioteca e elixir algunha das nosas propostas porque, nas vacacións, a lectura sempre é un bo plan.

FELICES VACACIÓNS LECTORAS! 

13.6.13

OLLOS DE AULA Nº8

Co nº 8 da revista Ollos de aula, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística remata o primeiro ano desta interesante publicación destinada ás  familias do alumnado. Nesta nova entrega Manuel N. Singala, director do SNL da Universidade de Santiago, explícanos o que é un "prexuízo lingüístico"; a educadora e pedagoga Tania Merelas dános unha serie de pautas para afrontar o verán coas crianzas en familia; Lines Salgado tamén lle tira proveito ao termo "Vacacións" na sección "Palabras do ensino"; e Gracia Santorum agasállanos novamente coas súas deliciosas propostas lectoras... e non esquecemos meter na maleta do verán a nosa lingua, para que ande descalza e libre pola area...


10.6.13

POUSA VASOS

Co fin de de achegar a poesía galega aos centros de ocio da contorna, o Equipo de Dinamización da Lingua, a través do alumnado de 4º ESO, puxo en marcha unha campaña de distribución de pousa vasos nos establecementos hostaleiros. Os pousa vasos, cun formato convencional, están confeccionados en polipropileno e teñen impreso o poema "Eu son" de Manuel Antonio.


6.6.13

ENTREGA PREMIOS


Alumnas gañadoras do concurso literario João de Nóvoa nas diferentes categorías e modalidades.

2ª CATEGORÍA (1º/2º ESO)
1º premio relato: “Guerra de bágoas” Uxía Oviedo De Dios.
2º premio relato: “Alguén imposible de esquecer” Helena Losada González. 

3ª CATEGORÍA (3º/4ºESO)
1º premio relato: “De sabios é rectificar” Raquel Estévez Prado. 
1º premio poesía: “O transcurso da vida” Cristina Otero Mangana. 

4ª CATEGORÍA (BAC.) 1º premio poesía: “Sempre verde” María Losada González. 


Alumnado gañador do concurso de curtametraxes João de Nóvoa nas diferentes categorías.

2ª CATEGORÍA (1º/2º ESO) 1º premio: "Unha historia coñecida por demasiados alumnos" Lorena Domínguez Navarro, Sergio Domínguez Navarro, Yago Vilarchao Cid, Nuria González Román, Nadia Carballo Gómez, Alba González Bretaña, Benita Celia Rodríguez Abadín, Lucía Graña Rodríguez, Carmen Rivas Vázquez, Emma Fariñas Cabo, Sara Torres González, Ana Salgado Garrido, Uxía Oviedo De Dios, Lucía González Iglesias. 

3ª CATEGORÍA (3º/4ºESO)
1º premio: "Asasinato express" Kelly Estévez Prol, Raquel Souto Janeiro, Bruno Iglesias, Aarón López Rey, Christian Pérez, Paula Rodríguez Peña, Noelia Blanco Cid, Silvia González Pérez, Carla Lamas Otero, Laura Pérez Cid. 
2º premio: "Non te esquecerás de min" Mireia Núñez Docabo, Rubén García García, Sara Garrido Parada, Rocío García Mojón, Edei Otero Conde.

CONCURSO DE CURTAS

Curtametraxes gañadoras da VI edición do Concurso João de Nóvoa 

 “Unha historia coñecida por demasiados alumnos” 



 “Asasinato express ”





“Non te esquecerás de min” 

4.6.13

ENTREGA PREMIOS


O vindeiro xoves 6 de xuño, o EDLG fará a entrega de premios do VI Concurso João de Nóvoa na biblioteca do centro. Agardámosvos.



2.6.13

+ ROSALÍA

Rosalía de Castro converteuse, este curso escolar, na protagonista de numerosas e variadas homenaxes. Moitas foron as iniciativas que botaron a andar para conmemorar o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. Dúas alumnas de 4º ESO, María Riesco Yanes e Lucía Rodríguez Pombo, quixeron renderlle a súa particular homenaxe con dous vídeos nos que os poemas "Tal como as nubes" (Follas novas) e "Adiós ríos, adiós fontes" (Cantares gallegos) van acompañados de imaxes e música.





28.5.13

BIBLIOTRÁILER II

Continuamos amosando as recomendacións literarias do alumnado de 4º ESO, desta vez trátase de traducións á nosa lingua: O neno do pixama de raias de John Boyne, Nassima, á sombra dos talibán de Merçé Rivas, Matilda de Roald Dahl e Chamando ás portas do ceo de Jordi Sierra I Fabra. As recomendacións son de Brais Gómez, Xaime González, Andrea Chaves e Xiana Conde.






24.5.13

O VIDEOPOEMA

Amosamos as creacións realizadas por Estefanía Rivas Vázquez, Eva Torres Fernández e Iria Prol  González (4º ESO) arredor dos poemas  "A dona que ía no branco cabalo" de Álvaro Cunqueiro, "Sós" de Manuel Antonio e "Madrigal á cibdá de Santiago" de Federico García Lorca.








21.5.13

O BIBLIOTRÁILER

Continúa a celebración das Letras coa publicación de vídeos para promocionar autores e obras da nosa literatura realizados polo alumnado de 4º ESO. Achegamos as propostas de Alba Carrera Doval, Ismael Del Campo López, Rebeca Coello Fernández e Natalia De Araújo Pérez  sobre O ceo dos afogados, O segredo de Marco Polo, O pintor do sombreiro de malvas e Noite de voraces sombras.


      








20.5.13

ENCONTROS CON AUTORES


O EDLG colabora co Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar na promoción e dinamización da lingua a través dos clubs de lectura, os encontros con autores e as tertulias literarias. Durante este curso escolar visitáronnos: Ramón Caride, Xosé Miranda, Carlos Negro e Elena Gallego e participamos en tertulias literarias con Miguel Anxo Fernández e Héctor Carré. O alumnado despois da lectura de A negrura do mar, Exogamia 0.3, Pel de lobo, Morning Star ou Dragal I realizou diferentes producións das que vos amosavos algúns exemplos.

17.5.13

ROBERTO VIDAL BOLAÑO




O EDLG preséntavos unha liña do tempo que recolle aspectos da biografía e da obra de Roberto Vidal Bolaño.

16.5.13

AS NOSAS LETRAS

O alumnado de 1º ESO C quixo render a súa particular homenaxe a Roberto Vidal Bolaño posando cos símbolos deste polifacético home das artes escénicas, o sombreiro e o nariz de pallaso. Mais, a verdadeira celebración foi achegarnos á súa figura e gozar coa lectura da obra Touporroutou da Lúa e o Sol en 1º ESO e con As actas escuras e Saxo tenor en cursos superiores. 
Estade atentas/os porque a conmemoración das Letras continúa...



“Esquecéronse de que ata a uns actores de talento dubidoso  e de oficio incauto lles asiste, cando lles peta, o privilexio de facer o pallaso”.

Caprice des Dieux (1985)




7.5.13

ADAPTACIÓNS AO CÓMIC

Presentámosvos as adaptacións ao cómic que realizou o alumnado de 2º ESO inspirándose nos distintos relatos da obra Exogamia 0.3 de Ramón Caride Ogando. 

 

5.5.13

OLLOS DE AULA. Nº7

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística presenta o nº 7 da revista Ollos de aula, publicación destinada ás  familias do alumnado. O Día das Letras Galegas 2013 e a figura de Roberto Vidal Bolaño, a "flexibilización" ou tempo de escolarización dun alumno na escola, e a idade adecuada para a compra dun móbil, ademais das novas e as propostas para o tempo libre, centran esta entrega da revista.


2.5.13

CORRELINGUA


Hoxe, o alumnado de 1º ESO participou, xunto con outros centros da provincia, nunha nova edición do Correlingua, unha actividade que reivindica o uso da nosa lingua entre os máis novos. A participación activa do alumnado con recitados, confección de pancartas, difusión de mensaxes de promoción da lingua e actuacións musicais consolida esta iniciativa, ano tras ano,  como a festa da lingua entre a mocidade. 

1.5.13

CORRELINGUA



Como vén sendo tradición no noso centro, mañá participaremos no Correlingua, a carreira a prol da lingua,  que co lema "O Galego, a chave do mundo" principia en Ourense para despois percorrer diferentes vilas e cidades galegas. A festa comezará coa recepción dos participantes na Praza Maior ás 10:00, continuará coa andaina pola lingua ás 10:45 e rematará co programa de actividades que se desenvolverá no Auditorio Municipal a partir das 11:30. O acto será presentado por Pepe Penabade e iniciarase cun recital de poemas de Rosalía de Castro a cargo do alumnado de 6º do CPI José García García (Mende) e proseguirá coa actuación musical do IES Cidade de Antioquía, a lectura do Manifesto e a actuación de Monoulious. Tamén, haberá outras actividades como un concurso de pancartas e a animación da marcha.

28.4.13

CONCURSO JOÃO DE NÓVOA



O  EDLG convoca unha nova edición do Concurso João de Nóvoa destinado ao alumnado de 6º EP dos centros adscritos e ao alumnado do IES San Mamede. Consultade as bases premendo nos enlaces e animádevos a participar.

23.4.13

SEGUIMOS LENDO

O EDLG convídavos a festexar o Día do Libro poñendo á vosa disposición na Biblioteca unha escolma de lecturas nas que os/as protagonistas son personaxes históricos, literarios, mitolóxicos... de distintas épocas. 


22.4.13

A LECTURA NA ARTE



O 23 de abril, Día do Libro, queremos que gocedes cunha pequena recompilación de obras pictóricas:  Manet, Monet, Renoir, Van Gogh, Degas, Picasso, Magritte, Botero… Distintos períodos e estilos cun elemento común: o libro. 

4.4.13

OLLOS DE AULA. Nº 6

Chega o nº 6 de Ollos de aula, a revista que edita a CGENDL para as familias do alumnado. A importancia da lectura na formación do alumnado (Agustín Fernández Paz), os Programas de Cualificación Profesional Inicial (Lines Salgado), a comunicación entre pais e fillos (Alberto Casqueiro), as propostas de ocio de Gracia Santorum e a aprendizaxe de linguas no ensino son os contidos que centran esta entrega.



15.3.13

POUSA VASOS

O Equipo de Dinamización da Lingua quere achegar a poesía galega aos establecementos hosteleiros da zona poñendo en marcha unha campaña de distribución de pousa vasos. 


10.3.13

8 DE MARZO

O alumnado de 1º ESO, inspirándose en  O diario violeta de Carlotaconfeccionou unhas lentes violetas para mellorar a visión da sociedade. Coma Carlota, a protagonista deste libro, invítannos a ver o mundo cunha ollada de cor violeta, unha ollada feminista que nos permita vivir nunha sociedade igualitaria, non discriminatoria e xusta.



"Para que nos axudedes a poñer moitas lentes violetas"


ENTREGA PREMIOS




O día 8 de marzo, Día Internacional da Muller, asistimos á entrega de premios do I Certame de Literatura Feminista. O certame celebrouse na Casa da Cultura de Xinzo de Limia e alí acudiron as compañeiras seleccionadas acompañadas das súas familias. Parabéns a todas elas.

8.3.13

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER



Hoxe, Día Internacional da Muller, asistiremos á entrega de premios do I Certame de Literatura Feminista organizado pola Asemblea de Mulleres de Galiza Nova da Comarca de Allariz-A Limia. O concurso pretende concienciar, coa colaboración dos institutos e dos Equipos de Normalización Lingüística,  da importancia do problema da vixencia do machismo na sociedade actual.

As alumnas seleccionadas polo centro na categoría de ESO (1º, 2º, 3º) foron Alba González González (poesía) e Andrea Cid López (relato)  e na categoría de 4º da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos: María Losada González (poesía) e Érika Novoa Conde (relato). 



4.3.13

OLLOS DE AULA. Nº 5

Chega o nº 5 da revista Ollos de aula con propostas tan interesantes como: "Cinco claves para entender o plurilingüismo", do catedrático José Manuel Vez; "Da lingua", sección que salienta a necesidade de avaliarmos a competencia lingüística en galego ou as propostas de lectura, música e excursións de Gracia Santórum.




24.2.13

RECITANDO A ROSALÍA

Para conmemorar o Día de Rosalía e o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, o alumnado de 2º ESO participou no recitado de poemas da autora.


24 DE FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA

Para conmemorar o  Día de Rosalía,  pareceunos moi interesante o vídeo homenaxe da AELG titulado "Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva". 

13.2.13

NAMORAR DA LECTURA

 Amei-te tanto esta tarde,
cando ti non estabas,
e estaba o ceu como un atlas de ausencia
esvarando nas horas!
Sétima soidade. Pilar Pallarés

......................................................................................

Continuamos a nosa andaina pola literatura en galego e, desta vez, queremos achegarvos unha exposición de obras de temática amorosa. Historias que  vos permitirán vivir amores apaixonantes, amores platónicos, amores imposibles, amores correspondidos...


12.2.13

OLLOS DE AULA. Nº4

O CGENDL  presenta o  nº 4 de  Ollos de aula, a revista que edita  para as familias do alumnado. A introdución das linguas estranxeiras a idades temperás, as sentenzas sobre o Decreto para o Plurilingüismo ou o dilema "aprender ou aprobar" son algúns dos contidos desta entrega.


7.2.13

DE FELOS E OUTRAS MÁSCARAS

Di Santiago Prol que a indumentaria do felo, figura do entroido de Maceda, se relaciona coa dos peliqueiros de Laza e os cigarróns de Verín, aínda que presenta elementos externos diferentes. Vexamos como é o traxe:


O felo leva camisa branca, gravata, chaqueta curta con galóns dourados, varias filas de borlas de diferentes cores, medias negras e calcetíns de la brancos, colcha arredor do van para protexer dos golpes das chocas. Completan a súa vestimenta colares e caiada. A máscara está tallada en madeira cocida, cun sorriso, rematada nun mitra de lata pintada na que aparecen debuxados aves rapaces e animais propios da fauna da Serra de San Mamede.
Santiago Prol

Os peliqueiros levan  camisa branca, unha gravata vermella, unha chaqueta curta de seda con xarreteiras e chea de galóns dourados e prateados, e un pantalón curto- ata os xeonllos- con dúas tiras de encaixe. Na cintura leva unha faixa de cuarta e media de ancho e un cinto no que van penduradas as chocas ou chocallos, que teñen un son moi característico. A careta, coloreada, leva cosida pola parte de atrás unha pel de raposo, año, can ou galo. No pescozo átase un pano de seda. As pernas cóbrense con medias brancas, cinguidas con rechamantes ligas, e os zapatos son negros e aguzados. O peliqueiro leva unha especie de látego co que malla a todos os que atopa no camiño. Na parte posterior da cabeza leva o pelello que dá nome ao peliqueiro.
Ánxela Gracián

Os cigarróns levan camisa branca con gravata vermella (na actualidade de cores variadas) e por riba unha chaquetiña curta de seda con galóns e alamares dourados. Cubrindo os ombreiros, xarreteiras de militar con  dourados flocos e pano de cores sobre eles, prendido con broches femininos. A chaquetiña non cerra no peito, senón que se asegura cuns barazos atados con lazada. Na cintura, faixa de varias voltas e por riba dela cinto de coiro do que penduran por atrás, preferiblemente seis grandes chocas. Cubrindo as pernas levan calzón curto con trenzados de la branca e de cor, flocos e borlas, nas que predominan as cores vermellas e verdes. O resto das pernas cóbrese con medias brancas que se suxeitan con ligas.

Nos pés, calzado de zapato negro e corrente. Na man levan unha zamarra ou látego do que pende, unha badana de pel. A careta é de pau traballada en madeira e pintada de xeito que nela resalten as cellas, as coloradas meixelas, amplo bigote, cínico sorriso mostrando a dentadura e barba falsa. Vai prendida á carauta nunha sorte de mitra de lata pintada con motivos diversos, predominando os vexetais e os animais, sendo moi frecuente, quizás tradicional a representación do sol e mais a lúa. Na actualidade os característicos ornatos vexetais e os astrais, teñen sido relegados polos de tipo zodárico.


Blogue Cidades Dixitais. Casa da Xuventude. Verín




27.1.13

DÍA ESCOLAR DA PAZ E DA NON VIOLENCIA


Continuando coa campaña de lecturas temáticas iniciada no primeiro trimestre para promocionar e dinamizar a lectura na nosa lingua, o EDLG vén de realizar unha exposición de libros que promoven a paz e a non violencia. Novamente, a biblioteca cedeunos o espazo e o alumnado de 1º ESO axudounos a  decoralo. Achegádevos á biblioteca e gozade con algunha destas lecturas.


13.1.13

CONTINÚA A CELEBRACIÓN: O EDLG CUMPRE 10 ANOS

Di o dicionario da Real Academia Galega que memoria é a facultade que permite reter na mente e facer presentes, mentalmente, cousas pasadas. Evocar o noso pasado recente espertou en nós a parte máis emotiva; non imaxinabamos o gratificante e intenso que ía supoñer revivir unha etapa de esforzo, de tempo investido, de persoas involucradas, de satisfaccións, de superacións… Desexamos compartir con vós ese pasado e amosarvos todo o material impreso que fomos elaborando e entregando á Comunidade Educativa ao longo destes anos. Queremos confirmar o compromiso adquirido hai xa dez anos e reforzar a vontade de continuar transitando por sendeiros que nos sigan ilusionando.