21.12.12

PREMIOS NADAL GASTRONÓMICO



Alumnas gañadoras no concurso de Tarxetas de Nadal:
  • Helena Losada González. 1º ESO A
  • Iria Carrera Doval. 1º ESO B
  • Carmen Rivas Vázquez. 1º ESO C

20.12.12

NADAL GASTRONÓMICO


Coma os últimos anos, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega convocou o concurso de Tarxetas de Nadal que, nesta ocasión, xira  arredor de pratos e sobremesas típicos desta época. O alumnado de 1º ESO confeccionou postais que incluían unha receita e unha ilustración do prato.  Os gañadores do concurso  recibirán un agasallo e un diploma na entrega de premios que se celebrará mañá. 

O EDLG DESÉXAVOS BOAS FESTAS!

12.12.12

RecitandoCelsoemiliO


Hoxemércores día 12 de decembro de 2012, ás 12.00 horas, participamos  no  recitado  do poema  “Deitado fronte ao mar” de Celso Emilio Ferreiro nunha homenaxe pública e colectiva, xunto con milleiros de rapaces/as de toda Galicia, ao poeta celanovés, símbolo do compromiso coa cultura e a lingua galega.  Velaquí algunhas imaxes:


                                     



    O IES SAN MAMEDE reivindica a través das redes sociais o uso da lingua. #recitandocelsoemilio eu fáloa porque si, porque me gosta, porque me peta e quero e dame  a gaña, porque me sae de dentro...


9.12.12

RecitandoCelsoemiliO!



O noso centro súmase, o mércores 12 ás 12:00h, ao recitado público e colectivo do poema "Deitado fronte ao mar" de Celso Emilio Ferreiro. Trátase dunha iniciativa da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística no centenario do nacemento do autor de Celanova. En palabras do CGENDL:  "Desexamos renderlle homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que simbolice toda a forza e enerxía que transmite a súa palabra, símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de Galicia". 

5.12.12

OLLOS DE AULA. Nº3





CGENDL acaba de editar o número 3 da revista  Ollos de aula, unha revista destinada ás familias do alumnado. Neste mes de decembro, trata contidos tan interesantes como: o reforzo educativo, os xoguetes do Nadal ou o Informe do Consello Europeo sobre a política lingüística da Xunta. 
No noso centro xa ocupa un lugar destacado:


  
Biblioteca

Sala de espera familias
Sala de profesoras/es

23.11.12

SOBRE IGUALDADE


O diario violeta de Carlota (2011) publicado pola editorial Galaxia na colección Costa Oeste forma parte dunha triloxía escrita por Gemma Lienas. Carlota, unha rapaza adolescente, comeza a escribir un diario onde vai anotando todas as situacións discriminatorias contra a muller que percibe ao seu arredor a través das súas lentes violetas.



Fina Casalderrey desenvolve en  Ola, estúpido monstro peludo (2007) o tema da violencia contra a muller. A obra, publicada pola editorial Galaxia na colección Árbore, está destinada a lectores a partir de dez anos e  nela a protagonista, aínda no útero da nai, ve como o pai se converte nun monstro peludo que enche a casa de prohibicións e ameazas que aterran a  súa nai.

15.11.12

NOVELA POLICIAL


Continuamos coa Campaña Lecturas Temáticas e achegamos, nesta ocasión, unha selección de lecturas de temática policial.

"A novela policial é un xénero narrativo onde a trama consiste xeralmente na resolución dun misterio de tipo criminal. O protagonista na novela policial é normalmente un policía ou un detective, habitualmente recorrente ao longo de varias novelas do mesmo autor, que, mediante a observación, a análise e o razoamento dedutivo, consegue finalmente descubrir como, onde, por que se produciu o crime e quen o perpetrou.

Está xeralmente aceptado que, aínda que os seus antecedentes se remontan máis atrás no tempo, o xénero policial como tal naceu no século XIX da man de Edgar Allan Poe, ao crear ao detective Auguste Dupin no seu relato Os crimes da Rúa Morgue". http://www.bne.es  

30.10.12

OUTONO, TEMPO DE COGOMELOS


Se neste tempo decidides dar un paseo por calquera recuncho da nosa paisaxe  atoparédesvos cun auténtico espectáculo. Nós saímos ao campo coa intención de observar e fotografar os cogomelos. Non pretendemos clasificalos nin polo seu valor culinario nin pola súa toxicidade, simplemente, quixemos gozar ao comprobar como, día a día, ían variando a súa forma e cor. Se queredes colaborar ampliando o noso álbum fotográfico  podedes achegarnos as vosas imaxes. 


23.10.12

DE TERROR, DE MEDO, DE INTRIGA, DE MAXIA...



Aproxímase a festividade do Samaín e o EDLG en colaboración co Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar organizou  unha exposición de libros cuxa temática xira arredor do medo, o terror, a maxia, o misterio, a fantasía…   A Biblioteca do centro emprestounos o espazo e os recursos e o alumnado de 1º ESO colaborou cos seus deseños na recreación do ambiente. Achegádevos á biblioteca e atrevédevos a pasalo de medo coa lectura dalgún dos títulos que propoñemos.

4.10.12

OLLOS DE AULA. Nº 1






Nace Ollos de aula, unha revista educativa da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.  Esta publicación "ten como obxectivos achegarlles ás familias información variada ao redor da educación e convidalas a reflexionar sobre aqueles temas que lles preocupan como nais e pais". 
Nós, xa lle demos un espazo no noso blogue; para acceder a ela só tedes que premer na portada que aparece na barra lateral.

23.9.12

O EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA CUMPRE 10 ANOS


Xa son dez anos de vida! Achegámonos  timidamente á adolescencia e non precisamente nas mellores circunstancias, pero  aquí seguimos, inamovibles, orgullosas e orgullosos da nosa lingua.  Este vai ser un curso de celebracións, e imos festexalo como mellor sabemos, con traballo e unha chea de actividades. Desexamos, a pesar de atoparnos nun escenario adverso,  conservar as mesmas ilusións dos comezos; mirar cara a atrás e lembrar ese fío en que se converteu o Equipo, e que, coa axuda duns e doutros, foi tecendo unha arañeira de colaboradores/as. Pretendemos continuar medrando, queremos alimentarnos coas vosas achegas. Como único agasallo, precisamos a vosa compañía. Así pois, estades convidadas/os ao noso aniversario.

22.6.12

VIAXE DE VOLTA



Finalizamos o curso e con el rematan as actividades. Agradecemos a vosa participación e agardámosvos de novo en setembro. Bo verán!!!


NON ESQUEZADES OS VERSOS DE CELSO EMILIO FERREIRO!!!


Deitado frente ao mar...

Lingoa proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña,
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros.
Falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
[...]

15.6.12

ENTREGA DE PREMIOS







O EDLG  fixo entrega dos premios aos gañadores do Concurso João de Nóvoa nas distintas modalidades. Velaquí os seus nomes: 

Concurso literario 

- Andrea Cid López.
- Antía Núñez Barrio.
- Adrián Blanco Blanco.
- José Antonio Fernández Álvarez.
- María Losada González.

Concurso de cómics

- Mireia Núñez Docabo.
- Laura Pérez Cid.

Concurso de curtametraxes

- Raquel Souto Janeiro.

13.6.12

CONCURSO JOÃO DE NÓVOA



O EDLG fará a entrega de premios do V Concurso  João  de Nóvoa na biblioteca o venres 15 no 2º recreo. Agardámosvos!!!

A BOLSA DAS PALABRAS


A campaña de normalización da lingua chegou da man do EDLG ao comercio local coa entrega de bolsas de papel en distintos negocios da contorna. No ano do centenario do nacemento de Celso Emilio, quixemos que as súas palabras se espallasen pola comarca nas nosas bolsas voando dende os comercios ata as casas.

“Libremente”

Nós queríamos libremente
comer o pan de cada día. Libremente
mordelo, masticalo, dixerilo sin medo,
libremente falando, cantando nas orelas
dos ríos que camiñan pra o mar libre.



30.5.12

FRANCISCO CASTRO FALA DOS SEUS LIBROS

Tras a lectura de Chamádeme Simbad e O ceo dos afogados, Francisco Castro visitou o noso centro e compartiu a súa experiencia como escritor co alumnado de 1º e 2º ESO. 


        

29.5.12

VALENTÍN PAZ ANDRADE EN CÓMIC

Despois de afondar na vida e obra do autor homenaxeado nas Letras e analizar a linguaxe e recursos expresivos do cómic, o alumnado de 2º ESO confeccionou un cómic sobre a figura de Valentín Paz Andrade. Aquí podedes ver unha selección dos traballos:


   
ROCÍO GARCÍA
       
MIREIA NÚÑEZ
                        
LAURA PÉREZ
RAQUEL ESTÉVEZ
PAULA RODRÍGUEZ
LAURA LORENZO
NOELIA BLANCO
ANDREA BARREIRO

23.5.12

PREMIOS JOÃO DE NÓVOA

O EDLG fixo entrega dos premios do V Concurso literario de relato curto e poesía João de Nóvoa na xornada de acollida do alumnado de 6º de primaria que tivo lugar no día de hoxe.

Alumnado premiado na 1ª categoría (6º primaria)
  • Prosa: Iria Carrera Doval do CEIP de Baños de Molgas.
  • Poesía: Sergio Domínguez Navarro do CEIP de Maceda.


21.5.12

VILAMOR, TES QUE VELA

Cando a Caravana Vilamor visitou o noso centro, propuxéronnos participar no concurso "Tes que vela" colaborando na promoción da película. Desta proposta xurdiu o  vídeo promocional titulado: "Tes que vela. Pesadelo non tan malo", gravado por Paula e María. 
Lembrade que o vídeo gañador será elixido entre os cinco máis difundidos en youtube, así que, animádevos a velo.



VIDEOPOESÍA

O videopoema é unha creación artística que se vale dos recursos da videopoesía, linguaxe que fusiona imaxes en movemento e textos literarios. Partindo dos poemas "O que todo galego choraría" e "Cando ti volvas" de Valentín Paz Andrade, amosamos as propostas de María Losada e María Blanco, compañeiras de 4º ESO.






16.5.12

POEMAS ACRÓSTICOS

Presentámosvos dous acrósticos adicados a Valentín Paz Andrade que foron confeccionados por compañeiras de 1º ESO. Pouco a pouco, iremos dando a coñecer máis.

Valente, sempre firme
Andando entre as letras
Lérez, onde a súa vida comeza.
Empurrado por outros
Nos poemas entrou.
Tamén cariñoso,
Intelixente,
Nos xornais colaborou.

Para organizacións traballou
Adiantado ás ideas dese tempo
Zoan as súas palabras, abanéaas o vento.

As súas palabras
Nunca, xamais
Deixamos marchar.
Resoan entre nós
As súas ideas e soños
Dentro do noso corazón
Eternamente estarán.

                       Andrea Cid

Valente desde sempre,
Ante a
Liberdade
Entusiasmado,
Na escrita
Tamén
Intelixente,
Notable empresario.

                    Begoña Graña

15.5.12

RECITADO VALENTÍN PAZ ANDRADE


María, Paula e César recitan un poema de Valentín Paz Andrade: "Cando ti volvas". 




14.5.12

TERTULIAS LITERARIAS




O grupo do club de lectura de 3º ESO participou nunha tertulia literaria con Xosé Neira Vilas arredor do seu libro Memorias dun neno labrego. Á tertulia, que tivo lugar na Casa da Cultura de Allariz, asistiu alumnado de  Xinzo de Limia, Celanova, Allariz e Maceda.


11.5.12

A CARAVANA VILAMOR CHEGA A MACEDA


Hoxe, o director e elenco de actores da película Vilamor presentaron o filme no noso centro. Un filme que  recrea a vida dunha comuna na aldea de Vilamor nos anos 70  e que se estreará en Ourense o 17 de maio. No Salón Rosalía de Castro, tivemos a oportunidade de ver o tráiler da película e de escoitar as interesantes intervencións de cada un deles. Lembramos cales foron: 
  • Ignacio Vilar: Como se fai unha película, proceso creativo dun filme.
  • Rubén Riós: "Por que estamos aquí?", experiencias previas e necesidade de poñer en valor a cultura e a lingua galega a través da sétima arte.
  • Xoel Yañez: rodaxe Vilamor, historia. Que é Vilamor? Anécdotas de rodaxe.
  • Sabela Arán: experiencia persoal, rodaxe, historia da película.

Tamén, foi presentado o concurso Tes que vela. Animádevos a participar e lembrade que  temos que vela!!!

2.5.12

CORRELINGUA 2012


Hoxe, celebrouse en Ourense o Correlingua 2012, a carreira para reivindicar a nosa lingua, que este ano ten como lema: Galego, todo o que buscas!  Os compañeiros e compañeiras de 1º ESO participamos na andaina dende a Praza Maior ata o Auditorio, onde continuou a festa. Ademais, recibimos un premio polas nosas pancartas.


Quedamos coas palabras do Manifesto gañador deste curso: "... nós buscamos persoas que estean orgullosas do idioma da súa terra, que non teñan medo a falalo..." do CPI de Pontecesures. Na páxina do Correlingua podemos consultar o manifesto completo e os premios de banda deseñada e vídeo.


30.4.12

RUTAS LITERARIAS POLO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

O alumnado de 2º ESO participou, un curso máis,  nunha interesante proposta didáctica organizada polo Museo Provincial de Lugo, unha actividade que permite achegarse ao museo dun xeito lúdico e formativo.

Despois de ler e traballar a obra Contos do museo,  participamos nas Rutas literarias polo Museo de Lugo: a ruta da pantasma, da serpe, do paxaro e do trasno, catro rutas que se basean nos relatos que compoñen o libro.

No museo, distribuímonos en catro grupos, foinos asignada cadansúa ruta e entregáronnos un pequeno cuestionario. As respostas atopábanse ben no libro, ben nas diferentes salas do museo, por iso,  o grupo que mellor se organizou para  responder correctamente as preguntas recibiu un agasallo.

27.4.12

CONTADORES DE HISTORIAS II


Despois de ler a obra Contos do museo e como actividade previa á visita ao Museo de Lugo, os compañeiros e compañeiras de 2º ESO convertéronse en contadores dos relatos do libro.

Laura Pérez, Raquel Estévez, Paula Rodríguez, Noelia Blanco e Alfonso  Delgado relataron "Visita nocturna".





TÍRALLE DA LINGUA 2012



María Losada González, alumna de 4º ESO,  foi premiada no XII Concurso de relato oral Tíralle da Lingua, organizado pola AS-PG, no que participou cun monólogo titulado "Redes sociais". Parabéns.

II FEIRA DO LIBRO


Continuamos conmemorando a Semana do Libro con diferentes actividades. Hoxe, celebramos a II Feira do Libro co alumnado de 1º ESO. Durante a semana tiveron que buscar un libro para intercambiar cun compañeiro/a. Agora, toca gozar coa súa lectura.

23.4.12

MARCAPÁXINAS




Para conmemorar o Día do Libro, o EDLG, agasallou a toda a Comunidade Educativa cun marcapáxinas. Nel figura a dedicatoria que a escritora Rosa Aneiros deixou na súa visita ao centro en xaneiro do 2011:

"Para as lectoras e lectores do IES San Mamede, este bater de ás de bolboreta para mudar o mundo".

O BIBLIOTRÁILER

O alumnado de 4º ESO elaborou pequenas recomendacións literarias para conmemorar a Semana do Libro, con elas queren dar a coñecer os seus títulos preferidos e fomentar a lectura entre os compañeiros/as. Velaquí algúns exemplos:







22.4.12

CONCURSO JOÃO DE NÓVOA


Co gallo das Letras, o EDLG convoca o V Concurso literario e o II Concurso de Curtas João de Nóvoa. Podedes consultar as bases no taboleiro do Equipo e nas aulas. Animádevos a participar!!!


21.4.12

QUEN FOI JOÃO DE NÓVOA?


João de Nóvoa foi un mariño galego, de familia nobre, ao servizo da Coroa de Portugal que naceu en Maceda arredor do ano 1450 e morreu en 1509 na India.  Partidario de Isabel a Católica, pelexou contra Pedro Madruga na revolta Irmandiña e marchou a Portugal ao decatarse da acción centralizadora dos Reis Católicos contra a pequena nobreza. En Portugal, serviu á Coroa  e foi alcalde de Lisboa. Participou en diferentes viaxes nas que descubriu a illa da Ascensión e a illa Santa Elena, tamén bautizou a unha pequena illa do Índico situada ao sur das Seychelles como A Galega (a actual Agalega), pertencente a Mauricio.
Podedes atopar máis información no libro João da Nova. Un mariño galego ao servizo da Coroa de Portugal  de Santiago Prol.

ILLA AGALEGA

12.4.12

VISITA DIDÁCTICA A CELANOVA

 Achegámonos a Celanova, vila de gran tradición literaria, para facer un percorrido polas terras de M. Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou X.L. Méndez Ferrín; aproximarnos á vida e obra destes autores e recitar algúns dos seus poemas. Visitamos a Casa dos Poetas, o Mosteiro de San Salvador, a Biblioteca do IES de Celanova ou a vila de Vilanova dos Infantes. Nesta última, puidemos contemplar a Virxe do Cristal e visitar a torre medieval.

Damos as grazas ás distintas persoas que coas súas explicacións nos acompañaron nestas visitas.

7.4.12

MERENDAS SAUDABLES

No curso 2010/2011, co gallo da conmemoración do Día Mundial da Saúde, o alumnado de 2º ESO elaborou e realizou o deseño de Menús de almorzos saudables. Neste curso, quixemos continuar con este proxecto, desta vez, confeccionando e deseñando Menús de merendas saudables. Se no curso pasado realizamos a impresión e incorporamos os menús ás mochilas viaxeiras, neste, pola falta de orzamento, non foi posible. Aquí podedes ver unha selección dos vosos traballos.
  



22.3.12

FRAN ALONSO VISITA O NOSO CENTRO


Hoxe, Fran Alonso visitou o noso centro. O escritor falou das obras Cartas de amor e Cemiterio de elefantes co alumnado de 3º e 4º ESO e recitou poemas  de Cidades e Poetízate ao alumnado de 2º ESO e 2º BAC. Ao finalizar, asinou amablemente exemplares dos seus libros.




Como tarefa previa á visita, o alumnado de 2º ESO compuxo poemas inspirados na obra Cidades do autor baixo o título de Aldeas e vilas

A MIÑA VILA

Na miña vila
extensa,
alongada,
con camiños que soben e baixan
e baixan e soben a outros camiños,
os coches son traballadores,
activos e revoltosos,
e deixan tras de si un ronsel de fume.
Os coches son coma cans soltos,
coma leóns famentos e enérxicos,
e observalos
prodúceme unha alegría animal
que non podo conter.

Laura Pérez Cid



15.3.12

A BOLSA DAS PALABRAS

Co gallo do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor e porque queremos consumir na nosa lingua,  o EDLG puxo en marcha unha campaña para potenciar o uso normalizado da lingua mediante a distribución de bolsas de papel entre o alumnado cuxas familias teñen negocios no comercio local.






8.3.12

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER




Campaña da Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia.

1.3.12

ROTEIRO LITERARIO OTERO PEDRAYO

Despois do estudo de Otero Pedrayo na aula, este xoves, o alumnado de 1º e 2º BAC. realizou unha visita ao castro de San Cibrán de Las, ao mosteiro de Oseira e ao Pazo de Trasalba. Nestes lugares, vencellados á   traxectoria vital e literaria do autor,  leron algúns fragmentos da súa obra  e  unha selección de textos poéticos de diferentes autores.

24.2.12

FLORES A ROSALÍA


Para conmemorar o 175º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o EDLG en colaboración co Equipo de Dinamización da Biblioteca fixo entrega dun poema da autora e unha flor confeccionada coa técnica da papiroflexia. Ademais, o alumnado acudiu á biblioteca do centro a recitar poemas da escritora.

NORMAS USO BIBLIOTECA ESCOLAR

O EDLG deseñou e editou en colaboración co Equipo de Dinamización da Biblioteca un tríptico sobre as normas de uso da nosa Biblioteca Escolar.



14.2.12

MENSAXES DE AMOR


Na semana do 14 de febreiro, o  alumnado de 3º ESO participou na actividade "Hai unha mensaxe para ti" confeccionando mensaxes de amor.

13.2.12

A CULTURA VIAXA

Iniciamos esta actividade, en colaboración co Equipo de Dinamización da Biblioteca, coa entrega de dez mochilas viaxeiras no 1º ciclo de ESO. As mochilas teñen como obxectivo o fomento da lectura entre o alumnado e as súas familias.

8.2.12

VISITA AO XORNAL FARO DE VIGO

O alumnado de 1º ESO visitou o xornal Faro de Vigo e realizou un percorrido polas instalacións. Nunha visita guiada foi coñecendo cal é o proceso á hora de confeccionar un xornal, como se organizan as noticias e os xornalistas que as escriben; cales son as páxinas máis importantes ou, por exemplo,  cal é a historia do xornal. Para rematar, foron obsequiados cun agasallo. O 21 de febreiro será publicada no xornal unha fotografía da visita.

               

22.1.12

RECEITAS DE COCIÑA

Na vida cotiá atopámonos con frecuencia con textos instrutivos, por iso, seguindo as indicacións para a redacción deste tipo de textos, o alumnado de 1º ESO confeccionou receitas de cociña que elaborou previamente en familia.