21.5.09

RECITADO DÍA DAS LETRAS

No mes das Letras continúan as actividades, desta vez da man do alumnado de 2º ESO C que recitará unha escolma de poemas de poetas galegas, o día 21 de maio no segundo recreo, no Salón Rosalía de Castro.





17.5.09

RAMÓN PIÑEIRO

A comunidade do IES San Mamede comezou a conmemorar o Día das Letras 09 cunha aproximación á figura do homenaxeado: Ramón Piñeiro López.


14.5.09

AS PALABRAS MÁIS FERMOSAS



Cales son as palabras máis fermosas da nosa lingua? Velaquí as nosas propostas:

UN RÍO DE PALABRAS

Quixemos conmemorar a semana do 17 de maio promocionando As Nosas Letras. Emulando o protagonista do relato “Un río de palabras” de Agustín Fernández Paz, o alumnado de 3º e 4º ESO elaborou un cartel semellante aos que atopamos polas rúas. Eses papeis con anuncios onde a xente se ofrece para traballar e en pequenas tiras adxunta o seu número de teléfono. O alumnado aproveitou ese espazo para recomendar unha obra literaria, seleccionou un fragmento e substituíu o número de teléfono polo título e autor.
Os carteis foron colocados en distintos espazos e anegaron o noso centro con ríos de palabras. Agora, como di o narrador do relato, "se a alguén lle interesa a historia que se agacha detrás desas poucas liñas, aí ten o fío polo que tirar dela ata o remate".


CONCURSO DE CÓMICS

O ENDL propuxo ao alumnado de 1º ESO a realización de cómics sobre a figura de Ramón Piñeiro. Os traballos foron expostos nos corredores do centro.

LETRAS GALEGAS 2009

Comezamos a celebración do mes das Letras con distintas actividades. Este ano dedícanse á figura de Ramón Piñeiro, o filósofo da saudade.

"Existe un pensamento desde o momento en que existe unha lingua, unha cultura, un xeito de vivir e de contemplar o mundo".
Ramón Piñeiro

6.5.09

CORRELINGUA 2009

Baixo a lenda "En galego! Pásao!" celebrouse o Correlingua en Ourense.
Os grupos de 1º ESO participamos na carreira pola lingua, porque debemos de compometernos no proceso normalizador do noso idioma.

30.4.09

RUTAS LITERARIAS POLO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

Tras a lectura do libro Contos do museo, os tres grupos de 2º ESO achegámonos a Lugo. Alí, participamos nesta actividade que nos permitiu coñecer os tesouros que alberga o Museo Provincial.


31.3.09

VISITA AO XORNAL LA REGIÓN

O alumnado de 1º ESO participou nunha visita didáctica ás dependencias do xornal La Región onde recibiron información sobre a elaboración e impresión do xornal.

9.3.09

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller. Confeccionamos unha presentación cunha selección de mulleres galegas relevantes en distintos ámbitos e participamos na actividade SOMOS PERSOAS.